O FicBueu despíde a súa 9ª edición cunha exitosa entrega de premios

As curtametraxes internacionais ‘'Esel’' (Austria), '‘Die Badewanne’' (Alemaña), ‘'Fils du loup'’ (Francia) e ‘'Edmond’', (Reino Unido) foron os filmes que conseguiron máis galardóns
O Centro Social do Mar estivo ateigado de público durante a celebración do evento.
photo_camera O Centro Social do Mar estivo ateigado de público durante a celebración do evento.

A cerimonia de clausura que pechou a novena edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu encheu por completo o Centro Social do Mar. Unha alfombra vermella de flores coa ánfora San Martiño (o logo do certame) deu a benvida a convidados e público na entrada do Centro Social do Mar. Membros da Asociación Cultural Alfombras do Corpus de Bueu prepararon o tapiz floral, ante o que desfilaron actores e realizadores galegos e estranxeiros, ademais de autoridades como o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, en representación das tres administracións que apoian o FicBueu. A gala deu comezo ás 21.30 horas e o encargado de conducir o acto foi o actor César Aldea. A cita estivo amenizado pola música en directo do pianista Severiano Casalderrey.-

PREMIADOS. Os filmes gañador do certame foi o croata ‘'Piknik'’, de Jure Pavlovic, que recibiu a Ánfora de Ouro, dotada con 2.500 euros. O gañador da Ánfora de Prata, que ascende a 1.000 euros, foi a cinta austríaca ‘'Esel’', de Rafael Haider. O Premio á Mellor Curtametraxe Galega foi para ‘'Eco'’, do director Xacio Baño.

Este galardón, patrocinado pola Fundación Novas, está fixado en 500 euros. O Premio do Público, dotado con 750 euros, foi para ‘'Madam Black'’, do director neocalendonio Ivan Barge.

Os diplomas das restantes categorías artísticas e técnicas foron para, no caso da mellor dirección, Maimouna Doucouré por ‘'Maman-s'’. O galardón para o mellor guionista foi para Tim Ellrich e Dominik Huber por ‘'Die Badewanne'’. O premio á mellor actriz foi para Ingrid Burkhard por ‘'Esel’' e o do mellor actor foi compartido para Simon Jaritz, Rainer Wöss e Stefan Pohl por ‘'Die Badewanne’'.

A Ánfora de Ouro foi para a curta ‘Piknik’, de Jure Pavlovic, mentres que a de prata foi para o filme ‘Esel’, de Rafael Haider

Lucie Ternisien e Maxence Lemonnier foron galardoados na categoría de mellor fotografía por '‘Fils du loup’'. No tocante á mellor dirección artística, Nina Gantz, Aoife Coigley e Paulina Rzeszowska gañaron esta categoría pola curta ‘'Edmond'’.

O premio á mellor montaxe foi para Felix Rehm por ‘'Fils du loup’', e o de mellor son foi para Rob Turner por ‘'Edmond'’. No caso da mellor música, Raf Keunen gañou esta categoría polo filme ‘'Copain'’. E finalmente, o galardón ao mellor vestiario foi para Vinyet Escobar e Laia Pajares por ‘'El adiós'’, e o de mellor maquillaxe e peitado para Sandrine Legrand por '‘Réplique'’.

Para este domingo está prevista a proxección dos traballos máis destacados enviados por centros educativos de Galicia, entre os que se decidirá un único premio dotado con 250 euros. Na sesión presentarase ademais a curta resultante do obradoiro ao que asistiron sete mozos durante os últimos días. Trátase dunha actividade solidaria coa promoción do cinema en aldeas peruanas, xa que a contía que voluntariamente queiran aboar as persoas asistentes se destinará aos proxectos da plataforma cultural La Combi - Arte Rodante. Talleres audiovisuais para mozos, proxeccións ao aire libre ou festivais pola liberdade de expresión atópanse entre as accións que organizan, habitualmente en zonas desfavorecidas ou en comunidades afastadas.

Comentarios