O florecemento do agustinismo

O pasamento de Fernández Paz e a homenaxe a Casares no Día das Letras deron unha primavera serodia de amigos de ambos os dous

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SÁBADO DA semana pasada estaba xantando cun amigo no Mangiarte, un italiano do mercado de abastos de Lugo. Leonardo Zordan concentra en mesas contadas e pratos pequenos poderosos sabores. O meu amigo pretende ser novelista en galego e anda despistado, tanto que non aprendera a apreciar a Agustín Fernández Paz.

Deille a volta ao mantel de papel e quitei un rotulador para debuxar nun esquema a estrutura de Cartas de inverno, cos seus saltos temporais e a súa xestión harmoniosa da intriga. Aquel día convertíno ao agustinismo. Como estabamos nun restaurante, expliqueille a teoría do cociñeiro sueco Magnus Nilsson de que "o prato ten que estar por riba dos ingredentes", é dicir, o conxunto debe ser máis importante que os seus elementos. Fernández Paz sabía que as novelas son personaxes, estrutura e ritmo, pero vivía nun país de poetas que escriben novelas colocando unha palabra enxebre e eufónica tras outra ata encher douscentos folios.

Estes días lerían vostedes as loanzas máis sobre Agustín Fernández Paz por boca das nosas elites intelectuais. Mesmo soprenderíanse escoitando a máis dun. Aínda o venres lin ao escritor Fran P. Lorenzo no Twitter falando sobre algún que acudira á homenaxe ao autor no tanatorio vigués de Pereiró o pasado mércores: "Hai quen hai dous meses tumbou a candidatura de Fernández Paz a un premio, pero estaba pra chorarlle en Pereiró. A condición humana". A morte ten ese efecto vivificador. Nin o leron en vida nin o van facer despois de que finase. Non por maldade, senón por ignorancia.

Teimaba en falar para El Progreso "porque se le moito en Vilalba"

O domingo pasado foi a derradeira vez na que falei con Agustín. Levaba unhas semanas tratando de entrevistalo co gallo de que Cartas de inverno vai acadar a colosal cifra de 100.000 exemplares vendidos. Os médicos interpoñíanse entre a súa amabilidade e o meu interese. Fixemos bromas, coma sempre. Citámonos para a mañá do luns. Chameino e xa me explicaron que as forzas o abandonaran, aínda que el teimaba en falar para El Progreso "porque se le moito en Vilalba". A percepción que deixaría na súa vila era o asunto que o preocupaba nos derradeiros días.

A condesdencia coa que o trataban os escritores líricos, os lingüístas da chancelería e o xeneralato cultural non acabou de asimilala nunca. Non era soamente unha cuestión persoal. Indignábase, sobre todo, co desdén cara á nosa mellor narrativa: a infantil e xuvenil. Tardou anos en resignarse, non era consciente de que era un astronauta que estaba fóra deste planeta anano que é a cultura galega.

Carlos Casares non padeceu ese menosprezo. Eu non fun amigo do escritor ourensán. Fago constancia porque os bombeiros literarios están correndo en auxilio do vencedor dende o sábado. A Casares soamente o vin unha vez en persoa. Foi en Vigo, nun acto cultural no que había pinchos, como en todo acto cultural que é relevante. Estaba rodeado de cordeiros silentes. Era un gran conversador, disque. Falou e falou durante os minutos que estiven observándoo. Ao seu redor, varias persoas asentían coma eses cans que se colocaban nas bandexas traseiras dos coches. A maiores de ameno, era director da editorial Galaxia e da revista Grial, presidente do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega (RAG). Todo axuda.

Cando lin que Casares foi elixido para protagonizar o Día das Letras Galegas quedei indiferente

Hai dous sábados eu estaba de novo no Mangiarte, onde fora saborear unhas ‘orecchiette’. Ao marchar, prendín o móbil e souben que a RAG elexira a Casares para protagonizar o Día das Letras Galegas do 2017. Quedei indiferente. A sucesión de anécdotas e as súas teorías intelectuais de voo baixo nunca me chistaron. A evolución do gato Samuel como personaxe periodístico provocábame somnolencia e a paixón de Casares polo coleccionismo de cargos, distincións e palmadas nas costas parecíame dun egocentrismo preocupante. Esa voracidade de almacenar responsabilidades é nociva para cada unha delas.

A miña displicencia non me impide aplaudirlle algún artigo. Máis por unha cuestión de contido que de forma. En A tertulia de Vicente Risco defende ao seu mestre cando non era incómodo facelo. Risco ceibou algunhas visións étcnicas e supremacistas que caen no enfermizo, pero o seu pensamento non atoparía fondo se lle lanzase unha sonda. O medo é libre, pero o medo a ser fusilado é un cárcere. Quen non o sentiu atreveuse a insultalo como "traidor".

Sorprendeume o argumento da Real Academia para nomear ao escritor ourensán. O comunicado institucional dicía que a designación "reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria". A boas horas se decatan os académicos de quen le neste país. Os rapaces están cargados de futuro, que é a carencia da lingua. Se logramos que eles lean en galego conseguiremos darlle uns anos extra de vida ao idioma chamado a consultas pola morte dende hai anos. Espero que este xiro estratéxico, esta caída pauliana do cabalo, sirva para que dentro de dez anos, no 2027, celebremos no Día das Letras ao noso autor máis lido, máis querido polo público e máis admirado por todo escritor que teña unha idea sobre o que é un arco narrativo. Falo de Agustín, claro.

Comentarios