O folk protagoniza o segundo día da Festa do Mar de Poio

Despois do grande éxito de David Civera, o xoves foi a quenda da música tradicional, que inundou Combarro con pasarrúas, cantigas mariñeiras e os concertos do Festifolk Poio
Un momento da actuación deste xoves en Combarro
photo_camera Un momento da actuación deste xoves en Combarro

A Festa do Mar volveu encher o casco histórico de Combarro de xente e de actividades culturais. Se o mércores o protagonismo foi para o concerto de David Civera, que ateigou a Praza da Chousa, este xoves o día foi moito máis folclórico. Un dos principais eventos da xornada foi a V Mostra da Canción Mariñeira, que non podería atopar entorno máis axeitado que a Festa do Mar de Poio.

Media hora despois tivo lugar a proxección das curtametraxes gañadoras do Concurso de Curtas Armadiña. O outro prato forte do día chegou ás 23.00 horas, cando a Praza da Chousa volveu encherse, pero esta vez para ver ós dous grupos que integraron o Festifolk: Radio Cos e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre. O público máis folkie da Festa do Mar bailou e gozou cos 20 músicos que se subiron ó escenario, entre acordeóns, violíns, e unha chea de voces e percusión tradicional.

ARMADIÑA ROCK. A Festa do Mar continúa este venres, co primeiro día do festival Armadiña Rock como atracción principal. A partir das 13.00 horas haberá diversas actividades, dende teatro na rúa ata pallasos e concertos para nenos, así coma a recepción dos participantes na XXII Concentración de Embarcacións Tradicionais. Tamén haberá un pasarrúas no recinto histórico a cargo de Os Queimatasas Batucada. Pola noite será a quenda dos concertos do Armadiña, con catro grupos galegos: Blues do País, Brinkadelia Troupe, os míticos Heredeiros da Crus e o ska/punk de Dakidarría.

Pola súa banda, mañá será o día central das celebracións, con espectáculos e eventos dende as 10.00 da mañá co torneo de kaiak ata pasadas as 4.00 da madrugada cos concertos do Armadiña Rock na Praza da Chousa. Os grupos que se subirán ó escenario serán Carla Green and the Demons, Kitai, os punks galegos Ruxe Ruxe, os italianos Talco, o mítico grupo madrileño Def Con Dos e o dúo galego de grunge Bala.

Comentarios