sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

O futbolista Nolito será o encargado de dar o pregón da XVI Festa do Polbo

Un momento da presentación oficial do pregoeiro
Un momento da presentación oficial do pregoeiro
O Concello de Bueu busca que o deportista, grande amante da gastronomía local, impulse o evento

A Festa do Polbo de Bueu xa ten pregoeiro. O xogador do Celta Nolito será o encargado de pronunciar o discurso de apertura desta XVI edición deste evento gastronómico. Lerá o pregón o sábado 15 ás 12.00 horas.

O futbolista é un apaixoado da comida buenense, polo que as visitas á vila do futbolista son frecuentes. O propio Nolito alédase pola súa elección como pregoiro: "Es una alegría ser pregonero de un pueblo que no es mi tierra, pero al que estoy muy apegado", afirma o xogador gaditano. Non ten nada preparado aínda, pero di que no seu discurso tentará resaltar "as características dun bo polbo".

O xogador destaca "la alegría de ser pregonero de un pueblo al que estoy muy apegado" e traerá algúns compañeiros do Celta

O alcalde en funcións, Martín Villanueva, espera que a elección de Nolito estivo xustificada ao ser "unha persoa moi achegada e moi querida nesta zona, que visita con frecuencia". Esta opinión é compartida pola concelleira de Economía e Turismo, Silvia Carballo, que destaca que "é unha personalidade coñecida por todos ao xogar o Celta e será un revulsivo aínda maior para a festa". Tamén espera que loube a gastronomía buenense e que atraia a máis xente ao evento: "Espero que transmita ese cariño que ten por Bueu e a visión que ten sobre os produtos da nosa terra", desexa a edil nacionalista.

Os preparativos para a Festa do Polbo xa están case rematados. Tan só faltan por coñecer as especialidades que ofertarán os hostaleiros participantes, que serán presentadas este venres ás 12.30 horas na planta superior da Praza de Abastos. Os asistentes terán a oportunidade de degustar os produtos que logo se venderán nos stands da Festa do Polbo a 5 e 7,50 euros. Por agora só se coñece a especialidade do posto do concello, o habitual "polbo á feira". O ano pasado servíronse máis de 7.000 racións, cifras que o Goberno local espera superar nesta edición.

HORARIOS. Os stands estarán abertos o venres de 19.00 a 00.00 e de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 00.00 horas o sábado e o domingo. O sábado, ademais, haberá un concerto de Retrouso ás 11.30 horas, que precederá ó pregón.

Este ano introduciranse cambios na participación das panaderías neste evento. Se antes era unha delas a que xestionaba os pedidos, nesta edición será o propio concello quen faga os pedidos, distribuídos equitativamente entre os establecementos colaboradores. Esta XVI Festa do Polbo busca seguir medrando e promocionar un dos produtos máis emblemáticos da ría e un dos atractivos máis grandes da vila.

O futbolista Nolito será o encargado de dar o pregón da XVI Festa...
Comentarios