''Ó galego espéralle un futuro belixerante coas institucións''

filosofiaport.jpg
photo_camera filosofiaport.jpg

“Á lingua galega espéralle un futuro belixerante coas institucións”. Esa foi unha das declaracións da profesora da Universidade da Coruña e licenciada en lingua galega e portugués Goretti Sanmartin, que foi a encargada de impartir a sesión da tarde de onte da XXVI Semana Galega de Filosofía.

A docente considerou que o galego se atopa nestes momentos ‘ameazado de morte’, e que a forma de revertelo é conseguir un cambio de mentalidade que leve á sociedade a deixar de pensar que cumpre có compromiso ó idioma só co feito de falalo. “As linguas perden a súa esencia se son entendidas como simples elementos de comunicación. Iso convirte a toda lingua en inútil” declarou a conferenciante.

Durante a sesión, a idea máis repetida pola mestra foi a necesidade de fomentar a utilización do galego para frear a desaparición de elementos como o infinitivo conxugado,e para evitar que continúe aumentando o número de monolingües en castelán.

Aposta polo galego

“Hai que relegar o uso do castelán, non dedicar recursos ós sectores instalados en castelán. Os sectores instalados en galego necesitan reforzos para non debilitarse”, foron as palabras de Sanmartín, que asegura que vivimos nun mundo no que fixemos posible a interacción entre o galego e o castelán, o cal arrastra dúas consecuencias negativas.

A primeira, que o galego é cada vez máis español e a segunda, que cada vez somos máis relaxados neste aspecto, de modo que se instalou unha cultura de falta de esforzo que, para a docente, é a principal causa da morte do galego.

Na conferencia titulada ‘Construíndonos colectivamente desde o entusiasmo. Compromiso e calidade da lingua’, a mestra aproveitou para defender a necesidade de concebir o sistema educativo como un dos sectores privilexiados de construcción colectiva que permita conseguir a cohesión social.

Comentarios