O GALP investirá 101.482 euros€ na segunda fase do Estaleiro de Banda do Río

O Grupo impulsa o proxecto de rehabilitación e destina 31.430 euros a cursos de socorrismo
O alcalde, Félix Juncal, e outros responsales locais, no Estaleiro.
photo_camera O alcalde, Félix Juncal, e outros responsales locais, no Estaleiro.

O Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra (GALP) concedeu a Bueu dúas partidas económicas dentro das axudas que concede a proxectos presentados por entidades, organizacións e concellos para actuacións e iniciativas que axuden a acadar o desenvolvemento sostible da zona costeira da ría de Pontevedra.

No caso do municipio buenense, as subvencións irán destinadas á segunda fase das obras de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río e a realización dun curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais.

O obxectivo do goberno local é que a comezos do 2017 se licite a primeira fase do obra con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Para acometer a segunda fase, a subvención do GALP, por valor de 101.482,68 €, foi concedida para a anualidade do 2018, pola que está previsto que antes de rematar este ano se deseñe unha páxina web, na que se explicarán as orixes e o desenvolvemento do proxecto.

Nas vindeiras anualidades deseñaranse un logo, material divulgativo e a imaxe gráfica do estaleiro, ademais das obras de acondicionamento que se acometerán para dotar ao espazo de contidos expositivos, museísticos, dunha pasarela de madeira interior, de iluminación e de videovixilancia.

A primeira fase farase a cargo do Plan Concellos durante o 2017, mentres que a subvención do GALP amortizarase en 2018

Fontes da Corporación local caracterizan este proxecto como "un proxectos punteiro" pois o de Banda do Río é o único estaleiro da ría de Pontevedra que conta cunha carpintería de ribeira, "unha característica da forma de ser da costa", precisan.

Por outro lado, na primeira fase das obras levarase a cabo a consolidación estrutural, ademais da substitución de todos os elementos de cubertas e a execución dun peche perimetral de vidro e madeira que permita a visión dende o espazo urbano da estrutura do estaleiro.

Outro dos proxectos que se presentou ao GALP, que contará cunha subvención por importe de 31.429,41 euros, é o curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais, que se presentou conxuntamente entre os concellos de Bueu e Marín.

A iniciativa xurdiu, segundo a técnica de desenvolvemento local do Concello de Bueu, tras as múltiples reunións mantidas nas instalacións do GALP a respecto da necesidade de levar a cabo un plan intermunicipal de emprego e formación no sector do mar. En principio, cóntase que se celebren dúas edicións de 15 persoas cada unha, na Escola Náutica Pesqueira de Bueu.

Comentarios