O humor e as as acrobacias animan a noite do cinema galego

mestreport.jpg
photo_camera mestreport.jpg

Pontevedra foi esta noite a anfitrioa da gran festa anual do audiovisual galego. O seu Pazo da Cultura acolleu a VII edición dos Premios Mestre Mateo, un acto no que, como é habitual, se reuniron autoridades institucionais, representantes da vida social e económica de Galicia e, principalmente, asociacións e profesionais do sector. Entre as personalidades atopábanse o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e Fermín Reixach, en representación da Academia do Cinema Catalán.

O acto arrancou con forza grazas ao grupo de música Lamatumbá e ao colectivo de artistas Pista Catro, as dúas formacións que deron ritmo á toda a velada. Os actores de Pista Catro prenderon a mecha da Gala cunha actuación na que simularon chegar tarde e, abríndose paso entre o público, acadaron o escenario á vez que se daban os últimos toques de peiteado e vestimenta.

GALA CON HUMOR

Morris e Manuel Manquiña, os mestres de cerimonias da gala do ano pasado, pasaron o testemuño ao seu sucesor para esta ocasión, o cantante Sergio Zearreta, que foi dando entrada e saída aos distintos momentos da gala. A entrega de premios estivo salpicada de situacións cómicas, nalgúns casos contando coa complicidade do público, como cando se lles deu a algúns deles unhas gafas coas que foron retratados para logo verse proxectados fronte a si mesmos, nas pantallas do propio escenario; ou cando se fixo unha versión comprimida dun telexornal que deu paso a tres presentadoras reais dos informativos da TVG e que foron algúns dos moitos rostros coñecidos que fixeron entrega dos galardóns ao longo da noite.

Outras chiscadelas ao audiovisual galego viñeron da man de varios membros de Pista Catro que fixeron as súas acrobacias vestidos de sotana, dando paso así a varios actores galegos que interpretaron papeis de curas en diversas producións e que tamén repartiron noraboas e estatuiñas nesta esperada noite. Tamén houbo espazo para homenaxear á serie 'Mareas Vivas', dez anos despois da súa estrea, para o que se reuniron cinco dos seus actores, encargados nesta ocasión de entregar o último bloque de premios da velada.

REIVINDICACIONS

No transcurso da gala, María Bouzas, celebrou a diversidade dos traballos que se presentaron este ano e que reflicten os distintos modos de facer cine e televisión. Na súa intervención, Bouzas lamentou as "interferencias" que se producen nas fases de cambio de goberno da Administración autonómica e que afectan ao traballo dos profesionais do sector audiovisual, pola "paralización de compromisos adquiridos" e co conseguinte "dano" á súa actividade produtiva.

Na gala, que foi retransmitida por TVG en directo, repartíronse en total 28 estatuíñas, cada unha delas en representación dunha categoría dos Premios Mestre Mateo, ao que se engadiu a entrega do Premio de Honra Fernando Rey ao director artístico Suso Montero pola súa traxectoria profesional, desenvolvida en boa parte na Televisión de Galicia, na que ten creado infinidade de decorados para programas de todo tipo, ademais das súas aportacións no eido do cine.

Comentarios