O Illa de Ons coñece a unidade didáctica sobre a nenez baixo o prisma de Castelao

A publicación foi presentada no Centro Social do Mar ante profesores e alumnos. A obra está editada pola Deputación e será distribuída nos centros de ensino da provincia
Presentación do traballo no Centro Social do Mar
photo_camera Presentación do traballo no Centro Social do Mar

Estudantes e profesores dos últimos cursos da ESO do IES Illa de Ons de Bueu asistiron este luns á presentación da Unidade Didáctica ‘A nenez galega a través dos anteollos de Castelao’, editada pola Deputación de Pontevedra. Ao acto asistiu o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; tres dos autores do manual, Diana Vilas, Óscar Rodríguez e Manuel Rodríguez, e a inspectora de Educación, Adoración de la Fuente.

Leal destacou que se trata dun recurso que, a nivel pedagóxico, "está elaborado con rigor e por profesionais especializados na docencia e no estudo da nenez en Galicia, materia na que son pioneiros no noso país".

A publicación contou, ademais, coa colaboración do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra -a unidade didáctica dedica o último capítulo ao Museo- e será distribuída nos centros de ensino da provincia. O traballo, que se enmarca dentro das iniciativas que o ente provincial promove no marco do Ano Castelao, xa foi presentado o pasado mes de decembro no programa de actividades do Culturgal.

‘A nenez galega a través dos anteollos de Castelao’ aborda diferentes aspectos da vida diaria da época de comezos do século XX recollidos nos debuxos de Castelao, nos que os cativos son protagonistas, relacionándoos coa actualidade. Está destinada a un uso pedagóxico transversal a través da literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais. Así mesmo, o traballo vai dirixido especialmente aos alumnos de Secundaria.

Diana Vilas e Óscar Rodríguez xa tiñan publicado un estudo anterior sobre a representación da infancia en ‘Cousas da vida’ de Castelao e convértense, deste xeito, nos pioneiros sobre este tipo de traballos.

NOVIDADES. Entre as novidades que achega este proxecto cabe sinalar o propio obxecto de estudo, a figura do neno e da nena como suxeito histórico. En segundo lugar, a recuperación de obra gráfica de Castelao desde as fontes documentais orixinais e, en terceiro, o emprego de recursos multimedia e ferramentas TIC para construír contidos participativos por parte do alumnado.

Os autores fixeron especial fincapé en explicar que, tal e como afirmou Diana Vilas, "non se trata dun libro de texto ao uso, senón que incorpora unha proposta fundamentalmente exercitiva que vai guiando aos alumnos e alumnas para que poidan construír os seus propios contidos de xeito participativo".

Óscar Rodríguez, pola súa banda, puxo o acento en que "se propón unha metodoloxía anovadora enfocada ao uso das TIC que tanto profesorado como alumnado teñen ao seu dispor".

Como exemplo do anterior mencionaron a proposta recollida no capítulo dedicado ao traballo infantil e que orienta ao alumnado para que monte un vídeo no que cada alumno ou alumna conte en primeira persoa a súa experiencia imaxinando que é un rapaz da década de 1920 que ten que ir traballar á fábrica. Con este tipo de suxestións vaise guiando ao alumnado para que constrúa o seu propio coñecemento, guiándoo a través de preguntas, debates e reflexións.

‘A nenez galega a través dos anteollos de Castelao’ está estruturada en seis capítulos. O primeiro versa sobre ‘A vida no fogar’ e aborda temas como a familia, a alimentación e o vestiario. O segundo está protagonizado por ‘A vida na escola’ e versa sobre a lingua galega, a pedagoxía e o absentismo escolar. No terceiro, sobre ‘O tempo de traballar’, estúdanse os traballos do fogar e os de fóra do fogar; o cuarto é a ‘A Galiza de Afonsiño’ e inclúe información sobre os foros, o agro, a pesca, as conserveiras e a emigración, e o quinto aborda ‘A evolución e as transformacións políticas’. O sexto capítulo toma o Museo de Pontevedra como tema principal.

Comentarios