jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

O inferno non existe, podes pecar a esgalla

A choiva, o cabodano de Castelao e a humorada de retransmitir o enterro do líder de Motörhead, Lemmy Kilmister, conducíronme a unha lectura solemne da semana

Estes días frecuento literatura triste. O mes amenceu chuvi- ñento. O ambiente era pouco propicio para ler ‘Os sotos do Vaticano’, a novela de André Gide sobre un dandi anarquista que asasina por estética, por molestar a burguesía. Cando menos, logrou que o escritor Paul Claudel, que viña de converterse emocionadamente ao catolicismo, deixase de consideralo amigo.

Optei por algo máis solemne: ‘Epístola aos colonenses’, de San Paulo. Ese texto ten un carácter admonitorio que me lembrou o artigo que enviou Francisco Rodríguez aos seus exvotantes en Terra e Tempo. Movéndose entre a morriña do mundo anterior a Amio e a recovención para que volvan á senda de luz. Na carta dirixida á Igrexa de Colosas —na actual Anatolia turca—, San Paulo amósase máis acerado, máis Bautista Álvarez, que de costume. Reñe os colonenses por inventarse un anxos que poden equipararse con Cristo. Por iso, os exésetas da Biblia moven a cabeza dubitativos cando len esa epístola. Consideran improbable que San Paulo, máis atento á expansión amable do cristianismo, fose o autor. Pensan no seu discípulo Epafrás.

A melancolía da choiva desacouga. Todo o mudo a combate ao xeito tradicional: sentando ao carón dunha ventá para contemplar o chover manso e cansino. Porén, a xente, en vez de po- ñerse pretenciosa e escoitar ‘A paixón segundo San Mateo’, de Bach, no Spotify, confórmase con vídeos de gatos simpaticotes no Facebook. Ao dispor de tardes libres, tiven tempo a darlle a ‘me gusta’ nas gravacións de michos graciosos. Tamén dispuxen de folganza para discutir coa muller dun escritor. Ela reñeume, non porque me aburrisen as novelas conxugais, senón porque critiquei as gravatas anodinas do seu home. Xa sei quen compra as gravatas.

No Facebook andei buscando información sobre ‘Vinyl’, a serie que vai lanzar HBO sobre a desmesura das estrelas do rock dos 70 ideada por dous expertos: Martin Scorsese e Mick Jagger. Pouco atopei. Porén, aparecíanme ducias de referencias ao cabodano de Castelao. Esta semana cumpríronse 66 anos do seu pasamento, acontecido o 7 de xaneiro de 1950. Castelao non era dos que se levaba unha guitarra e unha bota de viño para alegrar as xuntanzas do Consello da Galiza en Montevideo, pero tiña unha retranca exquisita.

Esa ironía non trasluciu no enterro, que foi un asunto ampuloso, ateigado de discursos floridos e inzados de citas a Rosalía como soamente pode escribir un director dun centro galego no exterior. Cando vostedes lean esta crónica xa estará rematando o funeral por Lemmy Kilmister, o líder da banda de rock Mötorhead, que puido morrer en paz e gloria porque xa actuara no Resurrection Fest de Viveiro. O sepelio celebrouse esta madrugada no bar Rainbow Bar & Grill, de Hollywood, e foi retransmitido en directo a través de YouTube.

Seguro que vai estar á altura excesiva e demoledora do personaxe, algo que dubido que pasase con Castelao. Bastante máis animado que o enterro do rianxeiro foi a traslación dos seus restos a Galicia, en 1984. Vin por You Tube a retransmisión que fixera Televisión Española en Galicia. ‘Animada’ para falar da chegada do cadaleito a San Domingos de Bonaval é inxusto, debería escribir ‘axitada’. Había uns señores con boina negra e camisa marrón mallando con ganas e porras en rapaces que berraban con candidez "Galiza ceibe, poder popular!" e arremetían ferozmente contra eles con valados amarelos de obra. A xornalista Tareixa Navaza desentendeuse de explicarlles aos telespectadores o intenso vibrar do acontecemento para facer unha glosa nacionalista e progresista de Castelao, "a persoa que nos ensinou a todos que Galicia é unha nación". Tanto a Navaza como o director da delegación, Alexandre Cribeiro, retiráronlles micrófonos e cámaras ao día seguinte.

Castelao e Lemmy Kilmister deben estar lendo a noticia que lle deu André Gide ao seu amigo André Mauriac nun telegrama de febreiro de 1951: "Non hai inferno. Podes pecar a esgalla. Dillo a Paul Claudel. Asinado: André Gide". Julien Green apunta que o remitente sabía do que falaba porque, cando Mauriac recibiu o telegrama, levaba varios días no averno. Se nos fiamos de ‘Conversaciones íntimas con Truman Capote’ (Anagrama),de Lawrence Grobel, André Gide era coñecido como O Señor das Cinco polos rapaciños que se prostituían no Arxel de fins do XIX. A esa hora citábaos no seu hotel. O escritor francés foi condenado ao lume eterno. Se avisou o católico Claudel de que non hai averno, será certo. Ou enviou o telegrama dende alí ou estaba bromeando para aliviar a calor que expanden as caldeiras de Satanás.

A anécdota do telegrama recolleuna Juan Tallón en ‘Fin de poema’ (Sotelo Blanco, Alrevés), un delicioso libriño sobre o suicidio de catro poetas (Cesare Pavese, Gabriel Ferrater, Alejandra Pizarnik e Anne Sexton). Sobre esta última, autora norteamericana, conta a macabra historia de cando pretendeu suicidarse coa súa amiga Sylvia Plath. Elixiron a liña ferroviaria entre Nova York e Boston para quitar a vida. Sylvia, máis trascendente, propuxo escribiren unha nota xustificante; Anne, sempre teatral, negouse. Como o instinto de supervivencia fai do suicidio un acto de covardía, ambas as autoras botaron toda unha tarde e unha noite bebendo e pecando como recomendaba André Gide a Mauriac e Claudel no seu telegrama dende o alén. De madrugada adentráronse nun túnel para non ter escapatoria. Deitáronse sobre as vías, colléronse as mans e agardaron. Agardaron. Non pasou tren ningún porque a liña levaba dous días pechada a causa dun accidente.

O inferno non existe, podes pecar a esgalla
Comentarios