O xuízo

O intento de fuga de catro marinenses no vapor Avión

Unha investigación realizada por Celso Milleiro e Xosé Manuel Moreira reconstrúe a fuxida, o apresamento e o xuízo pola captura do navío, que rematou coa execución de catro persoas
Acto de homenaxe aos fusilados marinenses tras o levantamento
photo_camera Acto de homenaxe aos fusilados marinenses tras o levantamento

Hai tan só unhas semanas cumpríronse 80 anos dun incidente no que cinco marinenses foron xulgados por secuestrar un vapor, o Avión, co fin de alcanzar territorio dominado polos republicanos. Unha investigación realizada por Celso Milleiro e Xosé Manuel Moreira reconstrúe estes feitos, que finalizaron coa execución de catro dos procesados, que forman parte das homenaxes que realiza a Asociación pola recuperación da memoria histórica de Marín.

Os feitos comezaron o 17 de xuño de 1937, sobre as 16.00 horas, cando o navío, que funcionaba a carbón, saíu do Porto de Marín. "A tripulación estaba composta polo patrón Ramón Villanueva Villanueva, os fogueiros Santiago García Area e Rogelio Area Dopazo, o maquinista Francisco Ricardo Veiga Pazos e os mariñeiros Cándido Area Santiago, José Cambeiro Suárez, Francisco Cernello Rodríguez, Silverio Graña, Natalio Iglesias Solla, José Soto Veiga e Emilio Villanueva Pazos", segundo explican os autores do traballo.

Cando se atoparon en dirección norte-sur con punta Cabicastro, "o patrón avisou á tripulación de que se erguera para arranxar o filamen e o aparello. Cando ían á zona onde estaba o aparello, de súpeto, apareceron tres homes empuñando pistolas e, tras ameazalos, obrigáronos a ir ao rancho de proa", explican Milleiro e Moreira.

Mentres dous vixiaban á tripulación, os outros fixéronse cargo do mando do buque e saíron pola porta de Ons, ao parecer con rumbo norte. "Arredor dunha hora e media despois, o patrón finxiu ter que ir o baño para ver o rumbo que levaba o buque. Aproveitando isto puido ir á cámara do maquinista e díxolle que tiñan a bordo un pistoleiro que se apoderara do buque", narran os autores do traballo de investigación, e continúan: "nese intre apareceu un dos que tomaran o buque e ameazou o patrón dicíndolle que, se volvía velo falando con alguén, pegáballe un tiro", xa que os amotinados prohibiran á tripulación falar entre si.

Primeiro colleron rumbo norte, para chegar a Francia, pero pola falta de combustible dirixíronse cara á costa portuguesa


A marexada e o vento ían en aumento, polo que o barco seguía cabeceando. "Á altura de Cabo Touriñán, o patrón foi falar con Juan Domínguez Tourón e preguntolle cara a onde se dirixía, ao que este lle contestou que 0nada le importaba'". Debido ao rumbo que levaba o barco e o perigo que podían correr por afastarse tanto da costa e ter pouco combustible, o patrón volveu preguntarlle o rumbo e entón contestáronlle que tiñan que navegar 200 millas cara ao norte para desviarse da ruta dos barcos, coa intención de arribar a un porto francés e, en último caso, a Xixón. O responsable do navío advertiulles do pouco combustible que tiñan e de que, pola dirección que levaban, non conseguirían nada. "Entón puxeron rumbo ao sur e obrigárono a tomar o mando do buque, avisándoo de que, se os metía nun porto sublevado, voaríanlle a cabeza dun tiro", contan Milleiro e Moreira.

PORTO. Con esta situación, o patrón intentou ver a forma de atracar nun porto afín aos sublevados, pero ante a imposibilidade de facelo, seguíu cara o Sur, arrimándose todo o posible á costa portuguesa, co fin de que os collera un barco sublevado.

Cando se atopaban a unhas oito millas do cabo Espichel (Portugal) avistaron unha parella de buques con matrícula de Vigo, Nuevo Braulio e Nuevo Amable, e os amotinados deron orde de perseguilos para abordalos, porque sabían que ao Avión se lle acababa o carbón e así poderían fugarse nun dos barcos que formaban esta parella. "O patrón díxolles que a abordaxe era un disparate porque poderían ir a pique ambos barcos e falecer todos, polo que o mellor xeito de facela era co bote do Avión. Aceptaron a súa proposición e os tres polizóns e un fogueiro embarcaron no bote", contan os autores.

Tan pronto se separaron do buque uns metros o patrón ordenou dar marcha avante forte e foron dar aviso á parella para que escapasen deles. Esta tamén puxo marcha avante forte e as tres embarcacións puxeron rumbo ao porto de Lisboa, a onde chegou o Avión o día 19. Tras atracar o patrón deu conta ás autoridades de todo o que sucedera, facilitándolles os sinais dos ocupantes do bote.

Entre tanto, os fuxitivos quedaran en alta mar e puxeron rumbo a terra arribando ao porto de Sardão, onde a Policía portuguesa detivo a tres de eles.

"Cinco homes agocháronse no cuarto do carbón e no tambucho de popa do vapor Avión. Por medio do reloxo calcularon cando estaría fora da ría e nese intre asaltárono pistola en man".

Tras ter coñecemento destes feitos o comandante xeral do departamento marítimo de Ferrol ordenou ao axudante de mariña de Marín, o comandante honorario de infantería Amador Vega Hoyo, que co carácter de xuíz instrutor procedese á formación dun sumario, que rematou coa execución de catro dos detidos e a absolución do outro.

Comentarios