sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

O Leo i Arremecághona: "Música é ir a Chantada"

Leonardo Fernández Campos é O Leo i Arremecághona
Leonardo Fernández Campos é O Leo i Arremecághona
O Leo fala do canto colectivo, de compartir a súa arte de preto coa xente. A súa é unha carreira musical que comezou a partir das cancións de Silvio Rodríguez

Vostede chámase Leonardo Fernández Campos e naceu en Matamá, en Vigo, en 1974. Como naceu vostede como artista?
Artista é un termo bastante amplo e eu penso que todos somos artistas. De feito, como cantautor estou case máis interesado no canto colectivo que no individual.

Que é entón para vostede un cantautor?
É alguén que provoca, que dalgunha forma pon en circulación a idea das cousas e a conciencia do que nos pasa.

Entón vostede quere desfacer o rol de artista?
É fodido porque estás separando as capacidades das persoas. Agora mesmo existe e é unha anomalía froito do sistema coa que hai que ir acabando pouco a pouco.

Como naceu en vostede o sentimento reivindicativo vencellado coa canción?
[O escritor Xosé Luís Méndez] Ferrín dicía que se escribía era para protestar e niso estou totalmente de acordo. Eu, de feito, comecei a tocar coas cancións de Silvio Rodriguez; entón para min sempre estiveron vencellados o espírito combativo e a música.

Vostede canta sempre en galego, como definiría a situación da nosa lingua?
Os números din que estamos mal, mais eu son un optimista patolóxico, entón creo que ata que morra terei esperanza de que poida solventarse a situación. De feito, máis ca nunca hai falantes que son conscientes de que falan o que queren e iso é o que ten que haber!

"O cantautor é alguén que provoca, que pon en circulación a conciencia do que nos pasa"


Vostede á parte de cantautor tamén desenvolve dende hai anos o rol de profesor de Secundaria. Resúltalle complicado explicarlle este feito ao seu alumnado?
O certo é que xa me ten dado episodios tensos. Con respecto aos alumnos teño que dicir que os primeiros anos me agochaba, mais despois dunha entrevista o alumnado enterouse de quen era eu e todo mellorou moitísimo, pois se creou unha fluidez que me sorprendeu moito. Non chega a ser educación entre iguais, pero hai un respecto e unha confianza bárbaros.

Sabemos que tamén está mergullado na poesía. Que representa para vostede hoxe en día a arte poética no mundo?
A poesía é súper necesaria, pois os cantautores temos que ter unha letra boa. Eu recordo unha persoa de Pontevedra nun rollo totalmente diferente ao meu e falando comigo en perfecto castelán: "Muchas gracias, me acabas de hacer entender muchas cosas". O caso é ese, que se rabuñamos un chisquiño de verdade é unha pasada o que se pode facer.

E como anda de proxectos este tempo?
Eu renuncio bastante ao que é unha promo tradicional porque iso implicaría cartos e outra situación. O meu modelo é tocar onde me chamen; teño bolos, pero non demasiado porque a música non é promo.

Entón, que é para vostede a música?
A música é por exemplo ir a Chantada, tocar coa xente de aló e ter unha experiencia. O ano pasado viñéronme os bolos todos xuntos, pero este ano está todo moi ben repartido.

Nun período de dez anos, como agarda continuar coa súa carreira musical?
Eu digo: "Virgencita, que me quede como estoy" (risos). A ver, os meus modelos son xente como Mini e Mero e eu o que quero é morrer tocando coa guitarra na man para quen me queira escoitar. O que me gustaría é ir por fóra, que de feito xa o fixen; eu teño un proxecto de monobanda, onde toco todo cos pés e meto todo en dúas maletas e viaxo por aí.

Ata onde chegou coa súa monobanda?
Pois fun a Barna, Euskadi, Lisboa, Bruxelas...

E que experiencia lle reportou levar a súa música ao exterior?
O certó é que saquei a conclusión de que as nosas festas funcionan ben fóra, resúltanlles exóticas. Está ben iso de buscar o envoltorio axeitado para poder vernos no mundo.

E non lle gustaría facer isto en máis compaña doutros cantautores como xa ten sucedido con Das Kapital ou Labregos do Tempo dos Sputniks, algúns dos proxectos máis recoñecibles nos que ten participado?
Pois si. De feito, intento levar o colectivo non soamente á xente, senón ata a xuntanza dos cantautores como ocorreu con Voces Ceives a finais dos anos sesenta. Xusto agora eu estou nun proxecto de canto colectivo, onde estamos Roberto Sobrado, Pepe Constela e mais eu; chamámonos os tres pés e facemos canto colectivo para implicarnos a nós e tamén ao resto da peña.

O Leo i Arremecághona: "Música é ir a Chantada"
Comentarios
ç