Freixanes: "O libro evidencia que hai moitas cousas que puidemos facer e non fixemos"

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, presenta nunha ateigada Casa das Campás a reedición do seu libro 'Unha ducia de galegos ilustres', publicado en 1976
Imaxe da Casa das Campás, ateigada de público
photo_camera Imaxe da Casa das Campás, ateigada de público

"O feito de presentar este libro en Pontevedra ten que ver co cariño dos amigos. Este é o meu primeiro libro, eu tiña 24 anos cando o escribín e sempre hai algo de memoria da cidade na que nacín e onde me criei", explicaba este mércores Víctor Fernández Freixanes durante a presentación da reedición do seu libro Unha ducia de galegos, publicado en 1976. O evento tivo lugar na tarde do mércores nunha ateigada Casa das Campás. A obra é testemuño dun tempo de cambios e entusiasmo no que a xeración do autor estaba chea de preguntas duns mozos que querían saber de onde viñan e cara onde querían ir. "Había moitas ganas de cambiar e, agora, 40 anos despois, o libro evidencia que houbo cousas que puidemos facer e non fixemos. Aínda que tamén houbo conquistas neste tempo", explica Freixanes.

No momento no que foi escrita a obra publicáranse varios libros deste estilo. "As entrevistas da Revista de París con autores como Nabokov e o libro Conversaciones en Madrid, de Paniker, que reflexionaba sobre o tempo presente a través de conversas, animaron ao autor a escribir esta obra. "Nós preguntabámonos por que non facer un libro así en Galicia, sobre todo naquel momento no que non sabiamos nada de galeguismo. Eu aprendín moitísimo escribíndoo", recordou o actual presidente da real Academia Galega e autor do volume.

Víctor Freixanes "A xente nova que le agora a Carlos Casares pode conversar con el e saber o que pensaba a través deste libro"

A obra, que reproduce conversas con doce galegos relevantes (Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares), foi presentada coa presenza do escritor e expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, a escritora e académica Fina Casalderrey; o director de Galaxia, Francisco Castro, e o presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo.

Deste xeito, Fina Casalderrey comparou as entrevistas de Freixanes coas de Jordi Évole e incidiu nas descricións e as introducións de cada unha das entrevistas. "Ti nunca foches un novato escribindo", dixo Casalderrey referíndose a Freixanes no acto. Ademais, Casalderrey dixo que esta obra debería ser de lectura obrigada nas facultades de política e xornalismo como un volume que axuda a comprender a realidade da Galicia actual.

Xesús Alonso Montero "Sei dalgúns autores que non entraron nesa ducia de galegos e que morreron con esa mágoa"

Tamén Xesús Alonso Montero, que ademais de aparecer no libro como entrevistado estivo presente na presentación da reedición, fixo fincapé na calidade da escrita de Freixanes aos seus 24 anos. Do mesmo xeito, explicou que sabía dalgúns autores "que non entraron nesa ducia e morreron con esa mágoa".

Pola súa parte, o director da editorial Galaxia (que reedita o volume), Francisco Castro, definiu a Víctor Freixanes como "un facho para a cultura galega". Tamén Xaime Toxo dixo que esta obra deu as chaves para a creación dun galeguismo "cívico, dialogante e moderno".

O propio Freixanes describiu esta obra como un documento histórico que permite ás novas xeracións dialogar con personaxes importantes do galeguismo dos anos 70 cuxos pensamentos e obras seguen estando vixentes 40 anos despois. "A xente nova que le agora a Carlos Casares pero non viviu no seu tempo pode agora conversar con el e saber o que pensaba a través deste libro", explicou Freixanes. Do mesmo xeito, contou que coa lectura desta obra poden chegar a entenderse algúns dos problemas do momento actual.

Se algo lle falta á obra de Freixanes son mulleres, "que naquel momento tiñan menos presenza e estaban invisibilizadas", conta o autor. Por iso, se volvese escribir un libro como aquel na actualidade, como mínimo a metade serían galegas. "Un dos feitos máis relevantes dos últimos 40 anos é a presenza de mulleres no ámbito cultural e do galeguismo", dixo o presidente da Real Academia Galega.

Pero esa é unha tarefa que deixa para os máis novos. "Que interroguen aos seus maiores, que lles pregunten, porque sería un traballo moi interesante", dixo o autor.

Comentarios