O festival 'Marexadiña' levará a Campelo unha tirolina de 140 metros

O evento, que terá lugar este venres e sábado na zona de Lourido e Campelo, está destinado tanto a cativos como a maiores
Leal, Sobral, Caldas e os responsables da asociación deportiva e cultural de Campelo
photo_camera Leal, Sobral, Caldas e os responsables da asociación deportiva e cultural de Campelo

O Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e a Asociación Deportiva e Cultural Campelo uniron esforzos para dotar a esta área de San Xoán dun novo recurso de ocio, o Marexadiña, un festival destinado aos cativos e tamén aos maiores, que se celebrará o venres e o sábado e que terá, entre os seus variados reclamos unha tirolina na zona do Peirao que ocupará uns 140 metros.

O alcalde, Luciano Sobral, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e os responsables da Cultural de Campelo presentaron onte este evento que, como explicou Marga Caldas, cumpre coa intención "de dinamizar con actividades, culturais, deportivas, pero sobre todo lúdicas a zona de Lourido e Campelo". A edil agradeceu as achegas do colectivo veciñal e destacou tamén o interese por ofrecer propostas de ocio para as zonas de praia e núcleo urbano de Raxó.

O deputado Xosé Leal destacou o interese "de Poio por ofrecer opcións lúdicas interxeracionais coma esta, na que a cativada pode relacionarse cos seus maiores e tamén coa súa contorna" e o alcalde loubou a capacidade de Campelo por dinamizar tamén a vida económica da localidade.

En canto á programación, Víctor Paradela, do colectivo veciñal, explicou que o venres haberá inchables desde as 16.00 horas e zumba desde as 20.00 horas, actividades que darán paso a unha proxección de cine na praza, ás 22.30 horas. A película elixida será a nova vesión de Cazafantasmas. A medianoite haberá animación para adultos a cargo do grupo "Raul&Cía", e desde as 02.00 música a cargo dun DJ. O sábado desde as 12.00 ata as 19.00 tamén haberá animación infantil na praia de Campelo e será a xornada para gozar dunha tirolina "que, ao final, alcanzará os 140 metros", explicou o responsable veciñal. Desde as 17.00 repetiranse os inchables na Praza da Granxa e, a partir das 19.00 horas realizarase un graffiti colectivo na mesma zona no que se espera que participe toda a mocidade de Campelo. Os grupos Alan e Mushu, da escola Bonobo de Pontevedra encargaranse de por a música desde as 20.30 horas, e Gran Reserva actuará para os maiores desde as 22.30 horas. A festa despedirase con música dun DJ.

Nas dúas xornadas haberá posibilidade de degustar hamburguesas e pizza, á venda no posto da organización.

Comentarios