O Museo Massó acollerá estes días dous obradoiros de Nadal

Museo Massó. diario de pontevedra
photo_camera Museo Massó. diario de pontevedra

BUEU. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo estes días de Nadal varios obradoiros no Museo Massó de Bueu «co fin de que toda a familia poida gozar nestas datas dunha oferta de actividades didácticas nestas instalacións», sinala o departamento da Xunta de Galicia nun comunicado.

O primeiro dos obradoiros desenvolverase o sábado e nel ensinarase a deseñar un selo persoal, ‘ex libris’, para personalizar os libros. Para iso os asistentes aprenderán a utilizar a técnica do gravado sobre goma, así como a fabricar tampóns.

O seguinte taller terá lugar o sábado 4 de xaneiro, cando se desenvolverá ‘Atando cabos. Nós mariñeiros’, no que os participantes aprenderán a facer os cinco nós mariñeiros básicos: Cote, As de guía, Chan, Oito e Ballestrinque. Con estes nós farán ademais a súa propia pulseira. Os responsables do obradoiro explicarán a orixe de cada nó e montarán un pequeno cadro con eles.

Ámbolos dous talleres serán ás 12.30 horas e a inscrición deberá realizarse previamente chamando ao teléfono 986 321 838, de luns a venres entre as 10.00 e as 20.00 horas, ou a través do correo electrónico [email protected], enviando un nome e un teléfono de contacto.

Cine a un euro

O Centro Social do Mar acolle hoxe uha nova sesión do ciclo de cine económico impulsado dende o Concello de Bueu, no que cada entrada custa tan só un euro.

Trátase de cine dirixido ós máis pequenos e a proxección comezará ás 18.30 horas. Neste caso a película será ‘El secreto del libro de Kells’. A próxima sesión será o xoves 2 de xaneiro co filme ‘Pánico en la granja’, á mesma hora.

Comentarios