O nome de Xoán Manuel Pintos queda gravado na cidade de Pontevedra

''Co Ano Pintos conseguimos varios obxectivos: poñer a figura de Pintos en valor e reflexionar sobre a necesidade da normalización do galego. Temos que continuar traballando seguindo o exemplo de Pintos''. Son palabras do concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Junquera, con motivo da clausura do Ano Pintos na cidade. Este sábado pechouse na capital da provincia a programación de actividades organizada con motivo do segundo centenario do nacemento do autor pontevedrés coa descuberta dunha placa conmemorativa e unha homenaxe popular.

A placa descubriuse na rúa da Santiña a media tarde. Despois, os actos trasladáronse á rúa Manuel Murguía, onde se realizou unha alfombra floral e actuaron a Coral da Asociación Sociocultural do Burgo e a Coral Polifónica de Sobradelo seguido da lectura de textos de Pintos, segundo informou o Concello.

Ente outras cousas, o Ano Pintos incluíu un congreso, a entrega dos premios que levan o nome do autor (este ano á Aula Castelao de Filosofía e á Coordinadora dos Equipos de Normalización), roteiros, publicacións, concertos e unha sesión extraordinaria da Real Academia Galega.

(Máis información na nosa edición impresa do 18 de decembro).

Comentarios