lunes. 21.10.2019 |
El tiempo
lunes. 21.10.2019
El tiempo

O país habitado por vixilantes da praia

Todos fantasiamos con crearnos unha nación acorde á nosa medida. Hugh Hefner fixose un país con rapazas loiras que daban gasto en calefacción

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

UN DÍA CALQUERA desta semana recibín unha chamada dun xurado literario. Sentín o meu peito incharse coma un globo que se perde no azul televisivo deste ceo outonal.

O representante dos conspicuos e reflexivos concesores do galardón non me anunciou que ingresarían unha alegría na conta bancaria. Eu participara no certame para que se me consentise unha viaxe a Creta, aínda que a Creta que quero coñecer é a da novela Zorba, el griego (Acantilado) e non a actual. Máis ben, non quero descubrir Creta cunha visión lixeira e ocasional dun turista, senón que buscaba sentir no meu peito o batido vital, hedonista, instantáneo e toleirán de Zorba.

O meu problema coa illa mediterránea é que nunca viaxo a lugares nos que o mercurio sobe dos 25 graos porque me parece sufocante e pouco hixiénico; é máis, desconfío de que poida haber vida a partir desa temperatura.

O voceiro do premio antepuxo entre nós a disante terceira persoa para darme a deducir que o gañador e eu eramos diferentes. Logo me explicou, con indolencia e recatado formalismo, que me estaba convidando á entrega do galardón, é dicir, a sufrir en directo que outro concursante reciba o cheque de Creta. No transo, eu debería sorrir para que non se notase a queimazón de xeo e sal que me provocaba o fallo.

Todo o que pedía a ese xurado era unha misericordia para ver os lugares de Kazantzakis. Nin sequera pretendía ser tan rico como Hugh Hefner para poder traballar na casa vestido de bata. O propietario da revista Playboy confiaba en si mesmo coma un elefante. Tamén era paciente porque renunciara á intimidade para estar acompañado por ducias de rapazas loiras e en biquini, o que me leva a pensar tanto no artificial daquel hábitat seu como no gasto que faría en calefacción durante o inverno. Que pensaría Montero Ríos, o político compostelán que gastou unha boa parte dos seus empeños lexislativos en popularizar os sistemas calefactores despois de lograr que se instalase no Senado. Ignoro se o seu pazo de Lourizán é húmido, pero dáme para sospeitalo.

Malia ese aplomo de Hefner, o primeiro exemplar de Playboy carecía de numeración. Desconfiaba de que houbese un segundo. Era o ano 1953 e nos Estados Unidos aínda estaba vixente a lexislación antiobscenidade que se remontaba a 1712. Prohibía enviar ilustracións eróticas por correo, como se temesen pervertir os carteiros indiscretos.

Pero o editor de Playboy, finado o pasado xoves, mercou unha foto de Marilyn Monroe espida para a primeira capa da súa revista e lanzouna ao azar postal como se fose propaganda dun referendo prohibido por obsceno.

Outro día calquera desta semana tiven unha conversa con Siro López, o Siro López de verdade, o caricaturista político que tanto admiro. Siro e máis eu conversamos sobre erotismo porque o Museo Provincial de Lugo amosa debuxos eróticos seus. Eu nunca atopei excitante falar de gastronomía e menos falar de sexo. Son actividades para o goce ou para o silencio, pero recrearse nelas verbalmente provoca frustración e resginación en proporcións semellantes.

A Franco tamén lle provocaba desidia falar de comida ou de sexo. Supoño que era incapaz de gozar ambos os praceres porque todo o amor que dá sentido a existencia doutras persoas expresábao en conquistas militares a base de obuses e en cartas escritas coa baralla do garrote vil.

Todos fantasiamos cunha nación á medida. Hefner fíxose un páis con loiras que gastaban calefacción

Pensei na longa noite de pedra cando Siro me contaba que ten os fillos en Alpedrete, «o lugar de onde saíu a pedra para lápida de Franco». Esa lousa do Valle de los Caídos nunca me pareceu suficiente grosa, aínda que recoñezo a súa eficacia porque o ditador soamente resucitou na imaxinación do escritor Fernando Vizcaíno Casas e na ambición da fundación que xestiona o pazo de Meirás. O xeneral en superlativo non lle deu nin para medio personaxe a George A. Romero.

A miña breve noite de Ikea dese día dediqueilla a ler a Nikos Kazantzakis, dado que quitei a miña bata laboral de seda cedo para encamarme con Zorba, el griego. O protagonista da novela agradece a vida a cada instante. A imaxe que me fago del é un plasma de Anthony Quinn na película de Cacoyannis. Da proxección que me fixeron na infancia soamente lembro a envergadura poderosa de Quinn no baile final —sobre a música de Mikis Theodorakis— unha vez que se arruínan coa mina que abriron en Creta.

Kazantzakis desenvolve unha paixón polas viúvas que vai canalizando nos seus personaxes durante toda a novela. O eros e o tánatos, suporá vostede; eu non. Intúo unha conexión biográfica.

Hefner creouse unha nación que imitaba as súas fantasías e estaba habitada de vixilantes da praia que emerxían da súa revista. Franco amañou un estado que se lle parecía: cativo, resentido e miserable. Kazantzakis tiña outro morbo. Fantasiaba con mulleres maduras e enloitadas; de apariencia franquista e de alma hefneriana.

O país habitado por vixilantes da praia
Comentarios