O paragüeiro triunfa entre os espantallos

PON1506P13F4.JPG
photo_camera PON1506P13F4.JPG

A forte vinculación dun dos espantallos que dende hai semanas decoran o roteiro do río Barbeira en A Lama coa aldea do Peso fixo que onte o público se decantara polo Paragüeiro como gañador da quinta edición do concurso ‘Os espantallos na ruta do río Barbeira’. Según explicou o organizador Daniel Vidal, «aquí, na aldea do Peso, antigamente chamabámoslle paragüeiros a uns veciños, de aí a súa relación co lugar ».

A orixinalidade foi un dos principais factores que condicionou ao xurado popular á hora de entregar os diferentes galardóns. Así, os espantallos ‘Casamos Pepe máis Lourdes’ e ‘A todos gas’ recibiron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.

Os premiados, ademais de recibir 125, 75 e 50 euros, tamén foron obsequiados cunha pequena réplica destas peculiares estruturas. Nesta nova edición do certame, que contaba coas categorías de libre e tradicional, participaron máis de 30 espantallos. As figuras permanecerán expostas nas aldeas do Verdugo e O Peso, en San Lourenzo-Escuadra, ata o vindeiro 23 de xuño.

Por outra banda, os asistentes á festa do río Barbeira puideron gozar dunha merenda popular na que non faltou churrasco, polos picantóns e filloas á pedra. Ademais, o evento estivo amenizado pola agrupación As Centolas do Barbeira e Rodrigo Cuevas.

Comentarios