O paxaro de mal agoiro emprendeu o seu voo máis alto este domingo

Os veciños buenenses reuníronse este domingo para dicirlle adeus ao último vestixio do Entroido co enterro da ave agoreira

Os veciños de Bueu reuníronse este domingo para dicirlle adeus ao último vestixio do Entroido co enterro do Paxaro de Mal Agoiro.

A cita, que foi unha das que se tiveron que aprazar por mor do temporal, contou con ducias de asistentes que, apenados, non dubidaron en chorar e lamentar a perda da ave agoreira, pero tampouco se cortaron á hora de gozar da festa.

A comitiva fúnebre partiu ás 18.00 horas da rúa Montero Ríos, para percorrer a ruta por Francisco Escaneo, Pazos Fontenla, Castelao e Montero Ríos de novo, antes de ir pola Banda do Río ata a zona da praia onde se procedeu á incineración do paxaro, que deste xeito iniciou o seu ascenso a ese ceo ou limbo no que habitan o resto do ano os seres que son queimados nos entroidos de todas as localidades. En Bueu poucos elexiron o loito para acompañar ao paxaro de mal agoiro na súa última viaxe. Máis ben ao contrario: non faltaron paiasos, seres mitolóxicos, corazóns de San Valentín, ou bonecos de neve da película Frozen, que, entre todos, compuxeron un ambiente do máis colorido e festivo no centro da localidade.

O enterro tivo tamén o seu propio concurso de disfraces. A comparsa gañadora foi a de ‘Os do pinsel’, premiada con 300 euros. A segunda elixida foi ‘Os Kantaclaro’. En grupos levaron premios ‘Cuerpo de moto’, ‘Cheerleader’ e ‘Ejipto’. Na categoría de parellas foi premiada a proposta ‘Bote de ketchup’.

Comentarios