O Pazo da Cultura cumpre 20 anos

Manuel Fraga inaugurou o edificio o 20 de setembro de 1997 ► A primeira actuación correu a cargo da mezzosoprano Teresa Berganza, que estivo acompañada pola Filharmonía de Galicia
O público entrando no auditorio ao día seguinte da inauguración, durante unha xornada de portas abertas
photo_camera O público entrando no auditorio ao día seguinte da inauguración, durante unha xornada de portas abertas

Un concerto da mezzosoprano Teresa Berganza xunto á Real Filharmonía de Galicia serviu para inaugurar, hai xusto 20 anos, o Pazo da Cultura de Pontevedra. Foi o 20 de setembro de 1997 cando se abriu ao público oficialmente un espazo que nacía para completar a oferta cultural da cidade incorporando un auditorio con 752 butacas, unha sala de congresos con aforo para 296 persoas, unha sala de exposicións de máis de 1.200 metros cadrados e oito espazos para seminarios, entre outras cousas.

O presidente da Xunta daquel momento, Manuel Fraga, foi o encargado de inaugurar aquela obra, acompañado polos conselleiros José Cuiña, Jesús Pérez Varela e Jesús Palmou. Xunto a eles estaban o alcalde da cidade, Juan Luis Pedrosa, e o presidente da Deputación, Manuel Abeledo.

Coa apertura oficial ao público do Pazo da Cultura, obra do arquitecto Manuel de las Casas, cambiaba para sempre o perfil da cidade de Pontevedra. Ao día seguinte da inauguración, milleiros de persoas participaban nunha xornada de portas abertas que descubría ao público o interior do inmoble.

Organismo autónomo local, a súa primeira xerente foi Carlota Álvarez Basso, que ao pouco tempo abandonou o posto para incorporarse como primeira directora do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo.

Foi substituída por Pilar Portela, que se encarga dende entón da xerencia dese espazo e do Teatro Principal. Precisamente foi Portela, acompañada pola que era naquel momento concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, a que anunciou, en decembro do ano pasado, que o Pazo da Cultura celebraría o seu vixésimo aniversario cunha programación especial. Polo momento, celebrouse o ciclo ‘Voices’, que trouxo a Pontevedra a Macy Gray, Maika Makovski e The Divine Comedy.

Comentarios