El Plan Rego do Mouro busca recupera parte de la cultura oral de Poio

Os labores nos que se está avanzando actualmente consisten nunha investigación sobre topónimos e lendas
Fervenza do río Mouro
photo_camera Fervenza do río Mouro

O Rego do Mouro é un enclave que se sitúa en pleno corazón de Poio e que transcorre cerca de diferentes aldeas do municipio, como poden ser Riomouro ou a Escusa. Desde hai meses, xurdiu un proxecto que ten como finalidade principal recuperar esta contorna, xa que actualmente se atopa nun estado de bastante abandono e descoido. Os colectivos encargados de levar a cabo este plan son a Asociación Amigos do Castrove e a Fundación Alexadre Bóveda.

O proxecto para revitalizar o espazo está centrado en dous ámbitos principais: a creación de roteiros para pór en valor a riqueza medioambiental existente nos lugares polos que transcorre o Rego do Mouro e a recuperación da toponimia e das lendas do lugar. A primeira delas aínda está a espera de que as asociacións se reúnan coas diferentes administracións para saber con que subvencións poden contar para realizar o plan. A segunda é na que actualmente se está avanzando. De feito, un dos promotores, Valentín García Bóveda, explicou que con este "labor fundamentalmente oral trátase de rescatar a microtoponimia da zona, ademais de traballar sobre o lendario que fomos atopando en base ós escritos e a todo o traballo realizado por Buenaventura Aparicio Casado", un doutor en Historia que conta cunha gran experiencia no mundo da arqueoloxía e da etnografía. Todo isto conségueno falando coas persoas de máis idade que viven na Escusa, en Rioumouro ou noutras aldeas polas que pasa este río: "Se o fixeramos hai 10 anos contariamos con moita máis información porque durante esta década finou unha gran cantidade de xente pertencente a estes núcleos".

Valentín García Bóveda "Viaxamos 300 anos atrás para saber como eran os nomes orixinais da zona e como son actualmente. É un traballo moi laborioso"

Por outro lado, tamén estiveron procurando un patrimonio que ata este momento fica desaparecido: "Buscamos un foxo do lobo que había no Castrove, non podemos dicir que hai restos efectivos porque aínda non os topamos e tal vez non os achemos nunca. Este é o contexto no que nos estamos a desenvolver".

Asemade, a investigación de documentos é o traballo fundamental que realizan. Ata o de agora xa consultaron o Arquivo Provincial, o Arquivo do Museo e o da Deputación para intentar reunir toda a información posible sobre a contorna do río: "Atopamos uns topónimos que datan do ano 1714, aproximadamente, e nos que un home, que foi designado polo rei de Castela para comprobar que tipo de bosques había para ser talados e facer navíos, dá un paseo polo monte da Escusa e vai escribindo e empregando topónimos que ata o de agora están desaparecidos. Viaxamos incluso 300 anos atrás para saber como eran os nomes orixinais da zona e como son actualmente".

García indica que neste momento esperan para presentar o proxecto Rego do Mouro’ "ó deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra e así saber a que tipo de axudas económicas podemos ter acceso. Á Xunta de Galicia outorgóuselle unha memoria para poder realizar desbroces e para a merca de maquinaria, polo que poderemos ter materiais para poder avanzar. Contemplamos levar a cabo moitas cousas, pero todo depende do orzamento co que contemos. Iso será fundamental para saber onde e como iniciar a restauración".

O plan xa foi presentado no mes de xuño por membros da Asociación Amigos do Castrove, a Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio. Alí, anunciaron que a primeira actividade que se realizaría sería a retirada e limpeza das especies invasoras dun camiño que discorre entre a Ponte da Ucha e a zona da Arrancada.

Comentarios