O poder dos oito

Os máis poderosos o son cada vez menos. E por iso medra a listaxe de países influentes. China é xa a cuarta economía máis grande do mundo e Brasil está a un paso de Canadá en termos de PIB. De acordo coas estatísticas da ONU, os estados BRIC (Brasil, Rusia, India, China) representaron máis do 50 por cento do crecemento en termos de paridade de poder de compra nos últimos cinco anos. No cumio do G8 de 2009, en Italia, é probable que se anticipen reformas do propio grupo, con fórmulas diversas que afectarán, ademais dos citados BRIC, a México e Sudáfrica, o que podería sumar un total de trece grandes economías.

A actual composición do G8 xa non reflicte os cambios que se teñen producido na estrutura do poder mundial, especialmente no económico. No seu día, a incorporación de Rusia ao G7 foi unha compensación política e non o reflexo do dinamismo e forza do seu mercado. O epicentro da economía trasladouse a Asia, proceso que se acentuará nos próximos anos, e a interdependencia fai que resulte imprescindible contar cada vez máis cos países en desenvolvemento emerxentes para encarar cun mínimo de solvencia as crises mundiais, xa falemos de enerxía, de cambio climático, de terrorismo ou dos prezos dos alimentos.

En Xapón, na reunión de Tohhaiko da pasada semana, algo se evidenciou xa desta tendencia, multiplicando o formato ampliado, seguido do encontro con Australia, Indonesia e Corea do Sur. A admisión do crecente peso económico destes países e a intensificación do diálogo ampliado que se iniciou en 2003, é unha expresión de recoñecemento desa nova influencia global, pero tamén da necesidade de recabar a súa complicidade para que as decisións do G8 non caian en saco roto. Deixalos de lado equivale a admitir o carácter limitado das súas decisións.

Este novo mecanismo indica que o G8 se está acercando a outros actores importantes do sistema internacional que reclaman un diálogo sobre bases de igualdade e confianza mutua capaz de evitar que os principais estados industrializados impoñan as súas regras e evadan as súas responsabilidades históricas. O ton desa tirapuxa deixouse entrever neste cumio: os países emerxentes, por exemplo, deron o seu apoio ao acordo dos máis industrializados para reducir as emisións de CO2 á metade en 2050, aínda que consideraron insuficiente o obxectivo e reclamaron reducións máis drásticas aos países máis contaminantes como EEUU, que dispoñen para iso de maiores medios que as economías en vías de desenvolvemento. Fálese do que se fale, non todo se resumirá en aplausos. O mundo é máis que Occidente.

Xulio Ríos é director do IGADI

Comentarios