El polígono de la Reigosa acogerá la primera nave que Egasen dedicará a producción propia

A firma, que importaba e exportaba motores e redutores eléctricos, adquiriu unha parcela para fabricalos pola súa conta
Plano aéreo do polígono facilitado polo Concello de Ponte Caldelas
photo_camera Plano aéreo do polígono facilitado polo Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas acollerá, no polígono da Reigosa, unha experiencia novidosa no sector industrial galego. A empresa Egasen, ata agora dedicada á importación de motores eléctricos e redutores industriais, vai por en marcha unha fábrica propia, localizando a produción e xerando emprego local en lugar de traballar exclusivamente con material procedente de países como China.

A fábrica de redutores suporá un investimento que está arredor dun millón de euros e xerará uns dez postos de traballo entre persoal de comercio exterior, operarios, administrativos, atención ao público e almacén. O proxecto técnico está xa en elaboración, tanto na parte arquitectónica como de enxeñería, e será presentado ao Concello nun prazo aproximado dun mes. A idea dos responsables de Egasen, Electro Gálvez y Senebre S.L. é poñerse en marcha entre finais de este ano ou ao longo de 2018, de modo que se poida dar un salto ao mercado latinoamericano, onde teñen detectado unha oportunidade de negocio. A firma pretende ser moi competitiva nesta praza exterior e para iso vai aproveitar a experiencia de 28 anos de vida como empresa e o seu coñecemento do produto.

O tripartito vén de anunciar que aplicará unha bonificación dun 50% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) coa condición de que a selección do persoal se realice a partir da bolsa de contratación que manexa o Concello composta por veciños en situación de desemprego.

O Goberno local explica que "estas condicións, que son habituais en Ponte Caldelas, están a exercer un forte poder de atracción cara o polígono da Reigosa, onde xa só quedan 13 parcelas dispoñibles".

Juan J. Barreiro, como responsable de Egasen, explicou que adquiriron unha parcela de 2.700 metros cadrados e van erguer unha nave duns 1.500 metros para acoller a súa nova actividade industrial. Actualmente xa dispoñen de instalacións no polígono do Campiño, nas que operan como firma importadora.

A idea da nova empresa xurdiu tras detectar un nicho de mercado en Latinoamérica, que neste momento non se pode cubrir como distribuidora de material importado. O salto cualitativo de lanzarse á produción directa permitirá controlar todos os pasos da fabricación, flexibilizar o catálogo de referencias e adaptarse ás necesidades dos clientes. Ademais, como importadores de produtos orientais, recoñecen que Egasen vai poder mellorar a calidade con motores que contarán co selo da Unión Europea.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, aplaude a iniciativa "porque parece que empeza a haber signos de que a globalización tocou fondo e as empresas percorren o camiño inverso á deslocalización que tanto dano nos fixo, apostando por volver a producir en Europa". Neste sentido, subliñou que a política do Concello de Ponte Caldelas para incentivar o asentamento de empresas xeradoras de postos de traballo está dando froitos incuestionables.

Os redutores son sistemas industriais que se encaixan aos motores eléctricos e serven para reducir velocidade e incrementar potencia. Utilízanse nunha gran variedade de procesos de fabricación en cadea, e en todo tipo de cintas transportadoras, habituais nas industria da automoción ou na conserveira. Tamén son elementos imprescindibles en maquinaria de corte de pedra ou madeira, entre outras.

Comentarios