O Pontevedra habitúase aos finais infelices

O equipo granate deixou fuxir cinco puntos no tempo engadido dos seus encontros e encaixou oito dos 17 goles que lle fixeron despois do minuto 75
Jon Etxaniz e Álex Fernández láianse tras encaixar o 2-2 contra o Deportivo Fabril
photo_camera Jon Etxaniz e Álex Fernández láianse tras encaixar o 2-2 contra o Deportivo Fabril

Un aspecto no que o Pontevedra debe mellorar é a xestión dos últimos minutos dos seus partidos.

Cando xoga o equipo granate sempre parece que pode suceder algo no treito final. Na campaña pasada os minutos definitivos dos encontros parecían destinados para remontadas dos homes de Luisito. Nesta ocasión, o tempo engadido volveuse contra os seus intereses.

Ata agora o once de Pasarón leva deixado escapar puntos despois do 90 en tres partidos diferentes. Con 3-2 a favor, o bloque da cidade do Lérez viuse empatado polo Toledo na última acción do duelo da cuarta xornada da liga. O domingo pasado, en El Toralín, o cadro da cidade do Lérez quedou sen o empate na derradeira xogada do duelo, cando Pallarés conectou unha chilena ao fondo da rede.

O domingo pechouse o círculo coa igualada do Fabril no minuto 92, por mediación de Pinchi. É dicir, no tempo de prolongación, o Pontevedra deixouse xa cinco puntos que arestora lle poderían permitir estar preto dos postos de fase de ascenso.

Os cuartos de hora finais de partido tampouco se lle están a dar ben aos pupilos de Luisito, que á marxe do enfrontamento contra o Coruxo, no que remontou un resultado en contra, leva perdidos puntos e encaixados moitos goles no último segmento dos seus enfrontamentos.

Na primeira xornada, o Celta B logrou o 2-0 no minuto 81 (despois Añón recurtaría distancias para o PCF). Na segunda, o Rápido de Bouzas fíxolle o 1-2 ao once pontevedrés no minuto 80. Unha semana despois, o Cerceda conseguíu os tres puntos no Roxo grazas a un tanto obtido no minuto 78 por Dani Pedrosa. O 2-0 de Fuenlabrada, que chegou nunha xogada desgraciada de Edu, produciuse no 88. O Pontevedra tamén encaixou xusto antes do remate do duelo contra o Racing de Ferrol. Pablo Rey marcou de penalti no minuto 89, aínda que o tanto non privou da vitoria aos futbolistas pontevedreses.

Tódolos xogadores do Pontevedra excepto Anxo e Iván Martín foron titulares nun mínimo de dous partidos de Liga

Se se lles suman os tres goles do desconto, o Pontevedra encaixou preto da metade das dianas que lle fixeron despois do minuto 75: oito de 17.

PLANTEL LONGO. A utilidade de cada unha das pezas do plantel que dirixe Luisito está fóra de toda dúbida, cando menos para o adestrador de Teo, que xa empregou a tódolos seus futbolistas no que vai de temporada excepto ao porteiro Anxo, que só puido disputar o encontro de Copa do Rei e seguramente será o encargado de defender o portal granate na Copa Federación.

Tódolos demais homes tiveron minutos na Liga ata a data. E todos en máis dunha ocasión. O que menos tempo pasou enriba do céspede no que vai de exercicio foi Iván Martín, que disputou catro duelos, todos eles como suplente. Participou 45 minutos perante o Rayo Majadahonda, na ocasión que máis tempo dispuxo. Nunca xogou nas primeiras partes dos envites que leva disputados o Pontevedra.

Tódolos demais futbolistas de campo foron titulares e todos nun mínimo de dous partidos e sempre consecutivos.

O dato, pouco habitual antes da disputa do primeiro tercio da competición pode conducir a moitas lecturas. A primeira delas é que os problemas físicos obrigaron a Luisito a facer rotacións. A segunda é que o propio adestrador teense non acaba de atopar o once inicial perfecto, por diversas circunstancias. A terceira, que tódolos homes que están baixo a súa responsabilidade no plantel teñen a súa confianza. E derivado diso, que hai máis equilibrio e competencia interna no colectivo ca noutras temporadas anteriores.

Nas últimas semanas apareceron no equipo de Luisito futbolistas que non tiveran protagonismo en xornadas precedentes. Berrocal foi titular contra o Coruxo e a Ponferradina, Álex Fernández regresou antes de onte ao equipo contra o Fabril, mentres que Mongil, que levaba varios partidos sen participar, fíxoo no segundo tempo de Ponferrada e volveu á titularidade fronte ao filial herculino.

A situación é similar á de Bruno, que recuperou o seu posto no conxunto de partida en El Toralín e mantívoo fronte ao filial. Nunha conxuntura parecida estivo Carlos Ramos, que completou o envite de Ponferrada e volveu aparecer en escena, aínda que saíndo desde o banco, o mércores pasado contra o Deportivo Fabril.

A situación tamén provoca que non haxa homes que o disputen todo. De feito, despois da sanción a Kevin Presa pola súa expulsión contra a Ponferradina, só hai un futbolista que pasou as doce xornadas enteiras pisando a herba: Edu Sousa. Ademais, a ausencia de Miguel Ángel contra o Deportivo Fabril tamén implicou que non queden homes de campo que fosen titulares en tódolos enfrontamentos, nin tampouco que os disputasen todos.

Ese feito pon a proba a flexibilidade do plantel granate para adaptarse ás circunstancias e a profundidade de banco do colectivo e demostra que o once inicial ideal de Luisito, se é que tivo tempo a fabricar un once ideal, non dispuxo de demasiado tempo para asentarse na competición.

Comentarios