O PP de Poio afirma que se está cobrando polos vados a quen se dá de baixa

Rocío Cochón preguntará na Xunta de Goberno local cantos usuarios renunciaron á restrición de aparcadoiro polo seu prezo elevado

A concelleira do PP de Poio Rocío Cochón preguntará na comisión de Urbanismo da próxima semana polas cartas que están recibindo antigos titulares de vados esixíndolles o pagamento da taxa. "Queremos saber se a xente está dándose de baixa dos vados de forma masiva. Se é certo, é algo que se vía vir hai tempo e do que xa avisamos", sostén a responsable popular.

Cochón sinalou que a súa formación leva meses a advertir de que os usuarios cren abusivo o prezo dos vados "que, aínda por enriba, non recibían servizo". A principios deste ano, o PP presentou un informe comparando os importes dos vados para vivendas unifamiliares en distintos concellos da provincia e que concluía que Poio tiña os máis caros da provincia.

Segundo o PP, un usuario de Poio paga 65,04 euros ó ano por un vado de 4 metros lineais, "case o triple que o titular do mesmo servizo en Pontevedra (24,63 euros ) e o dobre que noutros concellos como Tui, Ponte Caldelas ou Soutomaior".

Os populares levan meses sinalando que os usuarios de Poio pagan este elevado prezo "por un servizo moito peor do que reciben os demais", ao non ter Poio servizo continuado de Policía Local –o corpo que debe velar polo cumprimento da ordenanza–. De feito, lembran que "os veciños non teñen a quen chamar se lles aparca alguén no vado a partir das 22.00 horas ou en domingo".

O PP presentou unha moción en marzo para que o concello rebaixase a taxa ou garantice o servizo nocturno, algo que rexeitou o bipartito no Pleno municipal aducindo o prexuízo que suporía para as arcas municipais.

Fronte a isto, Cochón pregúntase "que sentido ten pagar un servizo carísimo e que a metade do tempo é coma se non o tiveses" e conclúe que "con prezos abusivos e se non podes chamar o guindastre a partir das dez, normal que a xente se estea dando de baixa", segundo sospeita, "de forma masiva".

ECONÓMICA. A concelleira vaticina que a semana próxima a Xunta de Goberno local "probablemente confirmará este feito".

O outro punto que ofrece dúbidas é a posible petición de que se pague unha taxa pola baixa no servizo. A concelleira sostén que, no caso de confirmarse tamén isto, "a motivación económica quedaría confirmada co envío destas misivas recadatorias. Está claro que só pensan en recadar como sexa. Dalles igual o servizo que reciban os veciños. É o mesmo co lixo, cos vados, coas multas e con outras moitas cousas".

Comentarios