El PP propone conectar cuatro líneas de bus urbano con el transporte metropolitano

Os populares presentarán tres emendas ós orzamentos de 2017 sobre a implantación do transporte urbano, a rebaixa do IBI e o PXOM

Dotar a Pontevedra dun transporte público que "nos volva converter en cabeceira de comarca" é o obxectivo da emenda que sobre a implantación do transporte urbano presentará o PP ós orzamentos de 2017. É unha das tres propostas que os populares poñerán sobre a mesa, tal e como anunciou este venres o voceiro do PP, Jacobo Moreira. "Implantar o transporte urbano é a mellor forma de eliminar os vehículos do centro da cidade garantindo a mobilidade dos nosos veciños", manifestou o edil, que engadiu que Pontevedra debe prepararse para a chegada do transporte metropolitano "e dotarse dun transporte que facilitará que os municipios do arredor accedan á cidade con facilidade sen necesidade de utilizar o coche".

Así, os populares propoñen establecer catro liñas conectadas con catro intercambiadores perfectamente integrados co transporte metropolitano. Seguindo a filosofía de que "sempre é mellor ter un mal orzamento que ter un prorrogado", o PP presentará dúas emendas máis. A primeira fai referencia á rebaixa do IBI proposta polos populares. "Baixamos a nosa exixencia a unha redución dun millón de euros neste imposto, para facilitar que o BNG recapacite", puntualizou o portavoz popular. A segunda emenda refírese á aprobación inicial do Plan Xeral, modificando a partida existente para incluír 300.000 euros para a elaboración e aprobación inicial dun novo PXOM. "Son tres emendas nas que a inmensa maioría dos pontevedreses están de acordo e que o BNG non aceptou nas negociacións previas ao Orzamento", valorou Moreira.

MAN TENDIDA. O concelleiro do PP subliñou a disposición do seu grupo municipal ó diálogo co equipo de Goberno. "Non nos cansaremos de insistir e de tender a man ao BNG a pesares dos seus continuos desplantes", sinalou. O voceiro popular fixo fincapé nos intentos de achegamento ó BNG por parte do seu grupo. "Eu mesmo remitinlle unha carta ao alcalde co fin de sentarnos a negociar, pero non asistiu a ningunha das reunións, nin tan sequera me respondeu", recordou Moreira. "Aínda sen estar Lores presente, mantivemos tres reunións sen chegar finalmente a entendemento", matizou.

Jacobo Moreira recalcou tamén que "o PP nunca elaboraría o documento presentado polo equipo de Goberno local" e amosou unha vez máis o seu total desacordo co contido dos orzamentos, "pero dado que o BNG gañou as eleccións, debemos exercer a oposición con responsabilidade", concluíu o voceiro do PP local.

"Baixamos a nosa exixencia a unha redución dun millón de euros neste imposto para facilitar que o BNG recapacite"

Comentarios