O Príncipe

Hai moitos anos un príncipe visitou a miña cidade. Nun recuncho da memoria reservado ás pasaxes inconfesables gardo a imaxe dunha aprendiz de xornalista perseguindo á comitiva por camiños secundarios a fin de chegar primeiro que ninguén xunto el. Cámara en man, subira a canta farola se puxera por diante ata acadar un primeirísimo plano daquel home de sangue azul, un apretón de mans sen frío nin calor e un sorriso institucional a compartir cos miles de cidadáns que se botaran ás rúas para recibir ó futuro rei axitando bandeiriñas. Daquel día conservo os negativos da reportaxe que puido ser, un pin da Casa Real e o recordo dun saúdo breve na entrada dun hotel. 
Case dúas décadas, numerosos escándalos reais e unha crise máis tarde recibín o anuncio da abdicación do seu pai na sala de partos dun hospital. Todo un símbolo. A miña filla pequena naceu cun novo rei baixo o brazo, ou cunha oportunidade de mudar as cousas, segundo se mire. O certo é que neste intre que chaman histórico, á nosa democracia, aínda adolescente e inxenua, fáltalle moito por medrar e o marco que a suxeita é máis pobre, menos libre e está roído pola corrupción. Pero xa non cremos nos contos de príncipes e raíñas. Precisamos máis para seguir escribindo a nosa Historia.  

Comentarios