O programa de Nadal do Concello incluirá actividades diarias e en todas as parroquias

A iluminación de Nadal inaugurarase o próximo xoves na Praza da Ferrería. alba sotelo
photo_camera A iluminación de Nadal inaugurarase o próximo xoves na Praza da Ferrería. alba sotelo

PONTEVEDRA. Ningún barrio ou parroquia do concello quedará sen actividades de lecer este Nadal. Os eventos que se organizarán no centro da cidade -en prazas, no contorno da pasarela ou ata na rúa Benito Corbal, entre outros emprazamentos- buscan dinamizar a actividade comercial na mesma, xa que durante esta época festiva desprázanse a Pontevedra persoas de toda a comarca.

As citas máis sinaladas comezarán o próximo xoves co prendido do alumeado na Praza da Ferrería. Este organizouse en colaboración con Aempe, coa asociación Zona Monumental e os comerciantes de Loureiro Crespo -que se uniron en 2012-.

A programación prolongarase ata o 5 de xaneiro, coa chegada dos Reis Magos á Praza da Pedreira. Non haberá un só día no que non se celebren actividades. Entre estas destacan citas teatrais, de maxia, relacionadas co ámbito da literatura, musicais, exposicións ou animacións nas rúas que entreterán a cativos e maiores.

Datas destacadas

A concelleira de cultura, Anxos Riveiro, puxo especial atención en rolda de prensa no evento que se celebrará o 13 de decembro no auditorio do Pazo da Cultura: a primeira gala dos Premios Galegos da Música: «É unha honra que se escollese a cidade de Pontevedra para esta primeira edición da celebración». Ademais, as mesmas instalacións acollerán concertos do Seminario de Jazz de Pontevedra, do Conservatorio Manuel Quiroga ou da Orquestra Filharmónica de Galicia, sen esquecer o clásico Concerto de Aninovo, que será interpretado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Ballet de Galicia o 1 de xaneiro ás 19 horas. Calcúlase que arredor de 50 grupos de distintas disciplinas artísticas visitarán a cidade para actuar durante o Nadal -todos eles galegos,segundo aclarou Riveiro-.

O resto das citas desenvolveranse entre o Teatro Principal e o resto de centros culturais das parroquias, ademais de nas rúas. Doutra banda, o Recinto Feiral acollerá a partir do 20 de decembro o parque Nadal Ocio, coa pista de xeo aberta de 16.30 a 23 horas e co resto de instalacións dispoñibles de 16.30 a 21 horas.

A cabalgata de Reis, que se celebrará o día 5 de xaneiro, manterá o percorrido do ano pasado, saíndo da rúa Loureiro Crespo e rematando na Alameda. Mantense, ao igual que en 2012, o inicio do acto ás 18 horas. «Unha opción moito mellor pensando no horario dos nenos, que son os principais protagonistas da cita», argumentou a responsable de Festas Carme da Silva.

Tanto Da Silva como Riveiro agardan que o tempo acompañe, para non ter que realizar moitas modificacións na programación.

O auditorio do Pazo da Cultura acollerá a primeira gala dos Premios Galegos da Música o próximo 13 de decembro

Camiño e Rosalía

E ademais, exposicións

Neste Nadal, os pontevedreses poderán gozar, ademais, dun par de mostras de diferentes e interesantes temáticas. Dunha banda, a próxima semana a sala de exposicións do Pazo da Cultura inaugurará unha exposición que xa é unha tradición na cidade, a organizada polo Concello xunto a Fundación Camiño Portugués: ‘Camiños: 20 anos do camiño portugués’.

Ademais, a partir do 19 de decembro poderá visitarse no mesmo lugar unha mostra sobre a poetisa Rosalía de Castro chamada ‘Terra e papel’. Tanto a primeira como a segunda estarán dispoñibles para o público ata o 9 de febreiro do próximo ano.

Comentarios