"O PSOE terá que decidir este ano en Santiago se apoia o cambio ou non"

Os seus defensores veno como unha figura con proxección dabonda para levar a candidatura popular de Compostela Aberta ao pazo de Raxoi. Os seus detractores acúsano de navegar nunha marea de siglas diferentes e irrecoñecibles entre si. ¿E el que di? Pois que nun momento histórico como o actual hai que arriscar. "Estas cousas, se as pensas, non as fas", afirma.
Martiño Noriega
photo_camera Martiño Noriega

¿Que o leva a tomar a decisión?
O meu vieiro persoal non pasaba por isto, hai que ser honestos. Pero as razóns colectivas neste caso foron de peso, tanto como para antepolas ás individuais.

E esas razóns colectivas foron...
Por ser sintético, tres. O momento histórico no que vivimos e no que se pode abrir unha nova etapa política; os oito anos de experiencia en Teo, que forma parte do mesmo espazo xeopolítico que Compostela e Ames e que por primeira vez podería funcionar como tal en forma de mancomunidade, área metropolitana ou fusión de concellos; e en terceiro lugar, todo o ocorrido neste mandato en Santiago, con tres alcaldes, un goberno que non pasou polas urnas e imputados.

Pero, ¿custoulle dar o paso?
Moito, porque era incompatible co proxecto persoal que tiña. Eu que pechaba un ciclo de oito anos na administración local, necesitaba osixenarme e resetearme profesionalmente como médico.

¿É o seu maior reto político?
Notei moito nerviosismo cando se fixo o anuncio, moita agresividade e reaccións desmedidas contra min. Iso si que me deu unha medida da importancia deste paso, de que podemos estar ante unha oportunidade histórica. É un reto deses que, se o pensas, non o fas.

¿Cre que lle teñen medo?
O medo cambiou de bando e os principais ataques, é curioso, non viñeron do partido do goberno.

E se fracasa, ¿suporá un freo á súa prometedora carreira política?
Iso é o que menos me preocupa. Había debates sobre que eu estaba para outros roles, pero hoxe non podes andar planificando carreiras persoais. É o momento de transgredir, de arriscar sen pensar en como saia. Se fallamos é porque a cidadanía cre que Compostela Aberta non merece a pena.

De pouco lle servirá a experiencia de Teo aquí: outro concello, outro tipo de formación política...
Estamos no ensaio-erro permanente. Anova foi pioneira cos procesos de acumulación de partidos, como Age. Agora hai un elemento máis, a cidadanía, que quere implicarse e participar. Así que a fórmula aínda se complica máis. É un reto apaixoante nun momento no que a balanza pode caer para un lado ou outro.

¿Que opcións lle dá a Compostela Aberta o vindeiro 24 de maio?
Non nos presentamos para repartir faragullas ou para ser chave, senón con vocación de ser a lista máis votada en Santiago, nun horizonte no que dificilmente haberá maiorías absolutas.

Logo tocará pactar...
As políticas de pactos decidiraas a posteriori a xente de Compostela Aberta. Eu imaxino que nós non imos facilitar unha reedición do goberno do PP e, a partir de aí, creo que máis que nós, as decisións vanas ter que tomar outros.

¿Refírese ao PSdeG?
As mareas fan a lectura do que foi a responsabilidade do PP nesta crise, pero tampouco esquecen a complicidade do PSOE. O bipartidismo tenta poñernos a cousa difícil. Agora, cando un mira os referentes socialistas do país ve a Orozco ou Caballero. Así que os socialistas terán que tomar unha decisión moi importante este ano, sobre todo en sitios como Santiago, onde van ser unha forza moito menos votada que Compostela Aberta: ou facilitan a apertura dun novo ciclo ou non.

¿Que opcións lles dá ás mareas?
Ás candidatuas populares faltoulles equilibrio nestes tempos, algo que ten que ver con que vivimos nese ensaio-erro permanente. Pero independentemente diso, foron valentes. Penso que haberá unha xustiza poética nesa valentía e terán un retorno positivo.

¿E Podemos?
Coñecín a Pablo Iglesias nun mitin en Cacheiras durante a campaña autonómica, cando asesorou a EU. El soubo entender o ciclo no que nos moviamos, pero agora enfróntase a construír algo, coas contradicións que iso implica. Igual que o PSOE, penso que ten decisións difíciles que tomar.

Os seus rivais en Santiago aféanlle que faga campaña na capital sen deixar a alcaldía de Teo.
¿A xente que fai campaña non pode facer outra cousa na vida? ¿Deixará Agustín Hernández a alcaldía cando empece a campaña, ou só o ten que facer o alcalde de Teo? Estou bastante molesto con este tema, a verdade, porque moitas veces son críticas de políticos que cobran moito máis ca min. Ensináronme na casa a ser responsable e quero pechar este ciclo como rexedor. E se cren que non debo cobrar, que a oposición o leve a pleno e o aprobe. Eu, aínda así, traballarei sen cobrar.

Outra crítica: vostede aspira á alcaldía sen ser da cidade.
Sorpréndeme este concurso por ver quen é máis compostelán. Eu fun un neno no Ensanche, crieime na capital e fun á gardería onde hoxe está o auditorio. Fixen a carreira en Santiago, a residencia, estiven tres anos de médico en Fontiñas e logo no Chus e no 061. E levo toda a vida vencellado á vida política e cultural da cidade. Só que, como moitos, acabei vivindo no cinto da capital, e a moita honra. Esta é unha polémica que me sorprende, artificial. Os últimos catro alcaldes de Santiago ou viviron ou viven en Teo, por exemplo.

Tamén o acusan de querer usar esta alcaldía de trampolín.
¿Trampolín a onde? É curioso que sexa Pepe Bugallo quen diga iso, un alcalde que agora está de deputado. Primeiro, terás que predicar co exemplo. Eu non aceptei ir ao Parlamento galego e ao europeo no seu momento. Agora está Santiago, que é un reto en si mesmo.

Martiño Noriega é do Encontro Irmandiño, Anova, impulsor de Age, ex do BNG e agora en Compostela Aberta. ¿De quen vén sendo?
A miña traxectoria sempre estivo vinculada ao nacionalismo de esquerda e fun unha persoa que buscou a transversalidade, algo que foi valorado en Compostela Aberta para ser entendido como persoa de consenso malia militar nun partido. Eu non fago unha lectura pexorativa dos militantes que son xenerosos, antepoñendo o servizo á cidadanía ás siglas. Neste senso sempre interpelo o BNG porque creo que debería estar aí. Pero insisto: quedo coas formacións que renuncian a privilexios de parte para ser un máis entre moitos. Logo tentan desacreditarnos dicindo que somos sopas de letras ou inconexos. Pero todos teñen vontade de cambio e iso é un tsunami democrático.

Falou do BNG. ¿Dálle mágoa que non se sume aos movementos?
Moita. O BNG segue a ter un peso específico e histórico evidente na política do país. Adoptou unha posición lexítima, pero dáme mágoa que non fora outra. Ao mellor lle vai mellor e os que arriscamos perdemos, pero a cuestión non é o futuro; a cuestión é que hoxe, cando es necesario, non estás.

¿Por que?
Teñen moitas reservas e medo: ao 15-M, a Age, ás mareas... Gustaríame que saltasen do trampolín.

¿Que lle dixo Beiras deste paso dado por vostede para Santiago?
El entendeu que isto eran algo máis que unhas simples municipais e que Santiago era algo máis que un simple concello, xa que é a capital galega e un referente europeo. Nese sentido, sempre me animou a saltar sen rede. Non tomou distancia, como se dixo.





Comentarios