O público responde á chamada do Culturgal

Caxade regrava o seu disco ''A dança das moscas'' coa Banda de Bandeira R.Fariña
photo_camera Caxade regrava o seu disco ''A dança das moscas'' coa Banda de Bandeira R.Fariña

O público respondeu onte masivamente á chamada da organización do Culturgal a facer da Feira das Industrias Culturais de Galicia un proxecto común do sector, as institucións e a xente. O Recinto Feiral ateigouse pola tarde como en anos anteriores, cando a entrada era de balde, refrendando así a aposta polo cobro dunha entrada simbólica que axude a facer rendible e sostible o evento.

A segunda xornada do Culturgal 2014, que incluía, entre outras cousas, concertos de Alonso Caxade e Guadi Galego, unha morea de propostas para cativos e a presentación de libros como ‘A cidade dos nenos’, de Francesco Tonucci, serviu tamén para avanzar contidos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e a estrea da obra de teatro ‘O crédito’.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentou o cartel do Salón para o ano que vén, deseñado por Carlos Arrojo. «Una referencia fue Julio Verne, esos clásicos de la ciencia ficción con los que los niños crecen», contou o debuxante. «Se puede ver en el cartel el calamar gigante de ‘20.000 leguas de viaje submarino’ y también esa metáfora del libro-cohete en el que viajar».

Riveiro avanzou que o lema do evento será ‘Da ciencia á ficción’ e que se celebrará entre o 27 de febreiro e o 28 de marzo. «Dura unha semana máis porque é unha demanda dos centros escolares que viñamos arrastrando».

O Salón do Libro amplía a súa duración e amplía tamén os espazos que ocupará. «Ademais dos habituais no Pazo da Cultura, instalarémonos no Recinto Feiral», anunciou Anxos Riveiro.

A concelleira explicou que se realizarán colaboracións con distintos museos científicos. «Non só cos da Coruña, senón tamén, por exemplo, co de Valladolid, que nos axudará a montar tres exposicións: unha que dá explicación científica aos contos tradicionais, outra sobre Darwin e outra sobre deporte e ciencia». Riveiro anunciou tamén que se está traballando co profesor Jorge Mira para realizar unha conexión co CERN e que, entre outras institucións, estará presente o CSIC. «E, por suposto, tamén o estará o satélite galego».

Mercedes Castro

Culturgal tamén serviu onte para desvelar que Pontevedra acollerá tanto a estrea (en febreiro) como o proceso de montaxe e os ensaios de ‘O crédito’, que preparan Eme2 e Tanttaka. Antonio Durán ‘Morris’ e Pedro Alonso protagonizan esta versión en galego da obra de Jordi Galcerán (‘El método Grönholm’) «que leva como un ano en cartel en Madrid e Barcelona enchendo os teatros», conta a produtora, Mercedes Castro.

«Eliximos Pontevedra porque nos parece unha cidade acolledora, que mantén unha aposta permanente e clara pola cultura. Queremos corresponder. Era a cidade perfecta para nós», remata Mercedes Castro.

Comentarios