O Salón do Libro Infantil e Xuvenil pon o mandil

PON0703P66F6.JPG
photo_camera PON0703P66F6.JPG

PONTEVEDRA. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano leva por lema ‘Cociñando contos’ e que se celebrará no Pazo da Cultura entre o 14 de marzo e o 5 de abril, ten previsto conmemorar o seu 15º aniversario incluíndo varias novidades nunha programación que se presentou onte oficialmente e que inclúe máis de 130 actividades entre contacontos, espectáculos, roteiros guiados e outras propostas.

A máis importante novidade é a homenaxe conxunta que os 15 autores que foron apadriñando o evento pontevedrés ano a ano recibirán de forma conxunta. A todos eles e ao seu traballo se lle adica un espazo no Pazo da Cultura. «Como tamén xa se anunciou, a editora Oqo entregará no marco do Salón o premio europeo ‘Cociña de contos’», explicou Anxos Riveiro. «E, ademais, o público que visite os espazos expositivos poderá, por primeira vez, entregar un premio, xa que os seus votos axudarán a elixir o mellor traballo de todos cantos presentan os centros escolares a esta exposición colectiva no Salón. Aseguro que, unha vez máis, hai auténticas marabillas».

Son 36 os centros escolares que achegarán propostas para esta mostra. «O que supón un aumento considerable con respecto ao ano pasado, no que participaron 29».

A concelleira de Cultura anunciou que este ano a organización do evento quería resaltar precisamente ata que punto se involucran os centros escolares na celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Por iso, entre outras cousas, se modificou o acto inaugural, que viña correndo a cargo da Aula Folque Infantil. «Desta vez haberá unha actuación musical e despois un acto protagonizado por estudantes do CEIP San Martiño e do CEIP Parada de Campañó».

O Salón pontevedrés nace con éxito de participación asegurado. Segundo Anxos Riveiro, máis de 4.000 cativos están inscritos nas actividades e obradoiros que necesitan de reserva previa e outros máis de 4.000 asistirán a unha das representacións de espectáculos concertadas con centros escolares. «Máis de medio cento de centros escolares de toda Galicia visitarán o Pazo da Cultura».

para mozos. Outras novidades deste ano pasan por poñer especial atención nunha programación específica para adolescentes e por estender ‘Cociñando contos’ fóra do recinto da Xunqueira. Ao respecto do primeiro asunto, Anxos Riveiro expuxo que un obxectivo que se marcou a organización foi o de compensar a atención que recibe o público infantil, ao que vai dirixida a maior parte da oferta, «porque hai que lembrar que este Salón é infantil, pero tamén xuvenil». Desta volta, os mozos contarán, entre outras cousas, cun espazo específico para eles. Ademais propostas escénicas como ‘Da Vinci tiña razón!’, a última produción de Quico Cadaval, que se poderá ver na capital da provincia incluída no Salón do Libro, vai dirixida a un público adulto.

«Por outra parte quixemos involucrar a espazos da cidade como as librarías ou os establecementos hosteleiros a participar no evento», contou a concelleira. «En moitos casos farano xa dende a semana que vén». Entre outras cousas, a galería Sargadelos acollerá unha exposición cedida pola Asociación de Profesionais de la Ilustración de Madrid e a Rúa Real, a través da asociación Taburete, estará decorada con motivos que aludan a ‘Cociñando contos’.

Ademais, as librerías Cronopios, Paz e Seijas acollerán presentacións editoriais e sesións de contacontos polas tardes, nunha proposta bautizada como ‘Merendando contos’.

almorzos ilustrados. As referencias ao Salón do Libro polo resto da cidade inclúen tamén iniciativas como ‘Almorzos ilustrados’ e ‘Arcimbolos’. Na primeira, establecementos da Rúa Real colocarán na súas mesas manteis ilustrados por Aída Alonso, Alberto García Ariza e Iago Araújo. Na segunda, artistas como Manolo Moldes, Antón Sobral, Mirari Urruzola, Miguel Calvo, Martín Toimil, Luís Iglesias e Armindo Salgueiro intervirán en escaparates do centro da cidade inspirándose en obras de Arcimboldo.

A programación do Salón do Libro mantén a súa aposta pola produción de espectáculos exclusivos para o evento realizados por agrupacións locais como a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, o Seminario Permanente de Jazz, o Conservatorio Manuel Quiroga, a Banda de Música da cidade e a orquestra de cámara Lira.

Este ano complétase o calendario de concertos e montaxes con varias estreas escénicas a nivel galego como ‘Martes’, de Baobab; ‘Sopa de sapo’, de Talía, e ‘Gatuxo’, de Magín Blanco.

«Outra das grandes novidades de 2014 será a incorporación do cine á programación», avanzou Anxos Riveiro. «Esta é unha proposta moi particular, pensada para os máis pequenos, que correrá a cargo da actriz Iria Pinheiro». Así, a intérprete dobrará en directo películas como ‘Sargent Pepper’ ou ‘A conferencia dos animais’.

Riveiro quixo destacar ademais a ambientación que para o Salón do Libro realizou Paspallás no Pazo da Cultura, así como a intervención ‘A fame’, da Escola de Canteiros de Poio, no vestíbulo de acceso ao evento.

Homenaxe

Os 15 autores que foron apadriñando o evento en edicións anteriores recibirán unha homenaxe colectiva

Exterior

A programación amplíase fóra do Pazo da Cultura e involucra a librarías, establecementos hosteleiros e outros espazos


SABER MÁiS:

Web do Salon do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: www.salondolibro.org

Comentarios