O San Martiño de Poio acolle este ano a I Festa do Carneiro

O festexo terá lugar entre os días 10, 11, 12 e 13 de novembro
Asistentes ó San Martiño nunha edición anterior
photo_camera Asistentes ó San Martiño nunha edición anterior

O concello de Poio festexerá entre o 10 e o 13 de novembro unha das súas celebracións máis importantes do outono: o San Martiño, no lugar que leva o mesmo nome. Para iso contarase cunha programación repleta de actividades na que destaca a primeira festa do carneiro, así como outros shows de teatro, maxia, música ou xogos. O inicio será a realización dun magosto popular ás oito da tarde. Despois terá lugar unha verbena amenizada polo Trío la Noche e o Dúo Caché.

Ó día seguinte celebrarase unha misa ás 10.00 horas e contarase cun pasarrúas a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio. Ás 12.30 horas volverase realizar unha misa solemne cantada pola Coral Virxe de Fátima. A partir das 20.00 horas actuarán a orquestra Saudade e o Trío Azabache.

Ás doce e media do sábado 12 a agrupación folclórica Vides Novas será a encargada de realizar un pasarrúas. Media hora máis tarde, a orquestra Suavecito tocará durante a sesión vermú e as 13.30 horas comezará un dos eventos máis novidosos que se organiza este ano: a I Festa do Carneiro, para a que xa se poden facer reservas en dous teléfonos habilitados polo Concello de Poio: 986 77 03 39 e 637 260 256. Á noite tamén se contará coa actuación de dúas orquestras.

O último día de celebración comezará ás 11.00 horas con múltiples xogos tradicionais para o gozo de todos os veciños, que tamén poderán participar neles ás 16.00 horas, momento no que terá lugar a ‘Olimpíada de inverno’. Ás 19.00 horas o mago Deimi fará acto de presenza para levar a maxia á vila poiense. Este non será o único espectáculo do que se poidan beneficiar os asistentes, xa que ás oito da tarde realizarase a obra de teatro ‘Os xigantes’. Unha hora despois entregaranse os premios polos xogos e a celebración finalizará coa actuación da Escola de Acordeóns de Campelo ás 21.15 horas, pondo así remate a unha das festas máis relevantes do outono pontevedrés.

Asemade, durante todo o mes de novembro terán lugar múltiples magostos repartidos por diferentes lugares do concello de Poio.

Comentarios