O tinta femia manchará a cunca esta fin de semana na parroquia de Cela

A XIV edición pretende superar as 1.200 vendas do 2016 ►Haberá unha cata a cegas de dez colleitas diferentes
Organizadores, colleiteiros e autoridades gozaron dunha degustación do viño no Mercado
photo_camera Organizadores, colleiteiros e autoridades gozaron dunha degustación do viño no Mercado

A parroquia de Cela acollerá a próxima fin de semana un dos seus actos estrela: a XIV Festa do Viño Tinta Femia, que incluirá actuacións de música tradicional e degustacións e catas deste viño típico da comarca morracense. A presentación da programación reuniu onte na Praza de Abastos ao presidente da Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu e organizador do evento, Fernando García; á concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; ao deputado Xosé Leal; ao pregoeiro, Benigno de La Torre; ao vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, Antonio Portela, e a algúns colleiteiros do municipio.

O presidente da Asociación de Viticultores San Martiño quixo agradecer a colaboración dos entes públicos e privados na aposta por esta festa, que «esperemos que este ano supere as 1.200 vendas da pasada edición». Pola súa banda, Silvia Carballo reiterou a colaboración do Concello de Bueu na organización deste evento, que recupera un «produto moi noso». Nesta mesma liña incidiu Xosé Leal, que desexou que o futuro desta festa se leve «ás novas xeracións».

O evento celebra este ano a décimo cuarta edición, tras recuperarse o pasado 2016 despois dun parón de varios anos. O venres, día 31, terá lugar a actuación de Manolo e Ramón, un dúo de acordeóns e unha foliada a cargo do grupo de gaitas Retrouso de Cela. O sábado 1 será o día grande. Os festexos comezarán ás 13.00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu e unha homenaxe aos furancheiros máis antigos. Ás 14.00 horas, Benigno de La Torre, xornalista e veciño de Bueu, lerá o pregón da festa, e, como remate, ás 21.00 horas volverá actuar a agrupación Retrouso de Cela.

O domingo destaca a cata cega dos dez viños da festa, ás 13.00 horas, seguida da actuación do grupo folclórico Recordos da Nosa Terra. Xa ás 19.00 horas, entregaranse os premios aos colleiteiros. Para pechar, sortearase unha caixa de viño tinta femia.

Con este programa, a organización pretende continuar coa difusión dun produto propio de Bueu, que está conseguindo facerse un sitio nas mesas non só dos buenenses, senón tamén do resto dos cidadáns da comunidade autónoma.

Comentarios