O valor do descoñecido

Seguro que se a moita xente lle din que hai vida máis alá da pescada, o peixe sapo, o rodaballo, a robaliza ou bacallau non o acaba de crer. Baixo as augas, como en terra firme, tamén hai habitantes máis e menos famosos. E á hora de sentar á mesa ter sona conta. Pero non é definitivo. ¿Por que? Pois porque as augas galegas agochan moitísimas especies de peixes que son un auténtico luxo para calquera cociña pero que en moitas ocasións nos pasan desapercibidas. Adoitan ter en común un bo prezo, sabores únicos e diferenciados e moi pouco desperdicio. Aquí algúns exemplos, aínda que a lista sería pouco menos que infinita:

1. Congro (Conger conger). Desprezado polo seu aspecto de serpe e forte olor, posúe un sabor inconfundible, único, coa súa carne branca e preta. Ideal para guisar.

2. Escacho (Triglioporus spp). Este peixe de rocha de carne branca comparte xens co salmonete e é ideal para facer en caldeirada, igual que o famoso cabracho.

3. Raia (Raja spp). O aspecto da raia tampouco gusta sempre a todos, pero a súa carne en caldeirada é un dos segredos mellor gardados das costas galegas.

4. Boga (Boops boops). “A boga en xaneiro sabe como o carneiro”. Igual que o muxo, se se lava antes de que se descompoña a tripa é un peixe de carne branca saborosa.

5. Faneca (Trisopterus luscus). A pequena da ría ou a grande de máis fondo son moi aprezadas fritas pola súa carne branca e fina. ¡Ollo, debe lavarse tamén rápido!

6. Melgacho (Scyliorhinus canicula). Esta quenlla, igual que a raia, é barata e ideal para a caldeirada. Moitos dos seus familiares (marraxo, tintorera...) son ideais para a prancha e para os nenos.

7. Solla (Platichthys flesus). Os peixes planos que levan a fama son o rodaballo, o linguado ou o rapante. Pero a solla, típica do litoral galego, non ten nada que envexar a ningún deles. E ata é máis barata.

8. Breca (Pagellus erythrinusr). Brecas, bicudos, panchos, pragos, sargos... todos son a mesma familia: os espáridos. Sabor forte e moi característico. Ideal para o forno.

9. Agulla (Belone belone). A raíña da primavera chega aos mercados en febreiro ou marzo. A sua espiña verde bota para atrás a moitos. É un peixe san apto para salpicón.

10. Pinto/Maragota (Labrus berggylta). Nos lábridos englóbanse estes e outros peixes como serráns e xulias. Son baratos e hainos todo o ano. Os primeiros, para caldeirada e os segundos, para fritir.

11. Xurelo (Trachurus trachurus). Ás veces por ser barato parece perder mérito, pero é un todoterreo da cociña cargado ademais de Omega3, igual que a sardiña, o bocarte ou a xarda.

.

AO IR COMPRAR MIRA...

Á hora de ir comprar peixe non hai que esquecer que existen unhas medidas mínimas legais para poder comercializalo e que boa parte da responsabilidade de loitar contra o furtivismo e preservar os recursos dos nosos caladoiros para o futuro recae no consumidor final. A súa negativa a adquirir peixe ou marisco que non dea o talle mínima ou que se atope en época de veda é fundamental para acabar con estas prácticas. Aquí, a listaxe das medidas mínimas das especies.


Especie                            Talle


Abadexo                           30 cm
Acedía                              15 cm
Agulla     
                          25 cm
Boga                                11 cm
Bocarte
                           12 cm
Xarda                                20 cm
Centola                           
12 cm
Cigala
                                7 cm
Congro                            58 cm
Dourada 
                         19 cm
Rapante                           20 cm
Xurelo                            
20 cm
Linguado                         24 cm
Muxo                               20 cm
Polbo                                1 kg
Robaliza                          36 cm
Maruca                            63 cm
Nécora                           5,5 cm
Pescada                          27 cm
Castañeta                       16 cm
Pargo                              15 cm
Percebe                            4 cm
Rodaballo                      30 cm
Saboga                            15 cm
Salmonete                      15 cm
Sardiña
                           11 cm
Sargo                              22 cm
Solla                                25 cm
Vieira                             10 cm
Xarda                             20 cm

Comentarios