Obras de arte na liña de meta

PON1506P58F5.JPG
photo_camera PON1506P58F5.JPG

PONTEVEDRA. "No tránsito do mundo académico ao mundo profesional non debería haber un baleiro", explicou onte Silvia García. "Esta exposición é a nosa forma de dicirlle aos novos graduados en Belas Artes que non se desanimen, que insistan en levar adiante o seu proxecto artístico".

Traballos de 45 titulados da facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra compoñen a exposición 'Do final e do comezo', que celebra este ano a súa segunda edición e que se poderá visitar ao longo de todo o verán no Pazo da Cultura. A mostra, comisariada pola vicedecana do centro, Silvia García, foi inaugurada polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, nun acto ao que tamén acudiron a vicerreitora do campus, Antonia Blanco; o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez.

"Queremos que a Universidade penetre na cidade de Pontevedra, que se achegue aos veciños", comentou Salustiano Mato, que aproveitou o acto para "recoñecer a paixón e vocación dos mestres e o conxunto do profesorado a pesar do trato que reciben do actual Goberno".

Lores coincidiu co reitor destacando a comuñón que existe entre a cidade e o campus. "Pontevedra está cada vez máis orgullosa de ser cidade universitaria como o está de acoller unha facultade de Belas Artes que a enche de vida".

'Do final e do comezo' inclúe temáticas, estilos e formatos diversos. No mesmo espazo conviven pinturas, instalacións, esculturas, proxectos de deseño, fotografías, audiovisuais, libros de artista e pezas interactivas, nos que se reflexiona sobre distintos aspectos sociais e humanos cunha especial predominancia de retratos dende distintas perspectivas.

futuro. Segundo explica Silvia García, nesta mostra colectiva dos alumnos "vese a pluralidade que enriquece a facultade e que permite, así mesmo que imaxinemos un futuro plural".

A selección dos artistas participantes (de máis de 90 graduados expoñen 45) foi realizada pola propia comisaria da exposición, o decano, Juan Carlos Meana, e a profesora Susana Cendán. Meana tamén falou onte na inauguración de 'Do final e do comezo': "Se trataba de abrir las puertas de la facultad. Esta propuesta no es una propuesta académica, va más allá. Es un primer paso para los graduados".

"'Do final e do comezo' trata de ofrecer esa posibilidade de pensar o tránsito entre o mundo académico e profesional, un tránsito que non debería verse coma un abismo senón como a oportunidade de demostrar as competencias que se adquiriron durante o proceso que vivimos na carreira, un proceso no que un aprende coa axuda dos profesores, dos compañeiros, do contexto e dos retos intelectuais que cada un se impón", explica Silvia García.

A comisaria tamén destaca como esta mostra lles ofrece aos titulados a oportunidade de traballar nun contexto profesional, o que supón "unha fermosa oportunidade" na que por exemplo "hai que tomar decisións e adaptarse ás limitacións".

Comentarios