As obras na Galiña Azul enfrontan ó Concello de Ponte Caldelas coa Xunta

Andrés Díaz di que recibiu o aviso dos traballos o pasado mércores, aínda que o Consorcio o enviara o día 1
Supervisión das obras de pintado na Galiña Azul
photo_camera Supervisión das obras de pintado na Galiña Azul

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, esíxelle ó xerente do Consorcio Galego de Igualdade e do Benestar, Perfecto Rodríguez, que rectifique as súas declaracións de forma pública por tratar de "desacreditar ó Goberno local que, o pasado día 9, visitaba as obras de pintado da Galiña Azul".

Rodríguez afirmou que o 1 de agosto se enviara unha carta ó Concello avisando de que a Xunta levaría a cabo unhas obras na escola infantil Galiña Azul durante este mes, aproveintado así a ausencia dos rapaces polas vacacións de verán. Aínda así, o municipio comunica e demostra a través do selo do Rexistro de Entrada que a comunicación oficial enviada polo ente autonómico non se recibiu na casa consistorial do lugar ata este mércores, día 10. Esta mensaxe, que é motivo de polémica, non foi ben recibida polo Concello.

Díaz afirma que "o ton da carta é extremadamente desafortunado nun documento insitucional, xa que debería estar presidido pola cortesía e a referencia ós fundamentos xurídicos que inspiran toda actuación administrativa", posto que o escrito termina avisando ó municipio que tamén se terá en conta o arranxo do toldo do patio, o cal é competencia do Concello e engádese que: "Esperamos que no futuro, sigan contribuíndo ó mantemento da escola dunha maneira axeitada". O actual rexedor reafírmase en que "as faltas de respecto da Xunta non son co Concello, senón con todos os veciños, ós que parece que hai moito interese en castigar".

Para a administración local, o ente autonómico non se está ocupando como debería desta zona, algo que reiterou xa en varias ocasións. Por un lado, fálase de falta de investimento no que vai de mandato municipal, posto que se destinaron menos de cinco euros por habitante. Díaz tamén fai fincapé en que a Xunta de Galicia "repartiu un millón de euros entre 14 concellos da provincia gobernados polo PP, no marco do Plan de Emerxencias, excluíndo a Ponte Caldelas". Por outro lado, móstrase como o delegado territorial levou a cabo diversos comunicados sen ter en conta en ningún momento a figura do alcalde.

Comentarios