Ocaso da OEA

O papel que UNASUR (Unión de Nacións Sudamericanas) está desempeñando na crise boliviana é unha evidencia máis dos cambios que se están rexistrando en América Latina. Reunidos en Chile, a unanimidade e contundencia con que todos os presentes, representando a unha ducia de estados da rexión, rexeitaron calquera hipótese de golpe de estado ou outras accións que prexudiquen a democracia e, así mesmo, a firmeza amosada á hora tanto de propiciar o diálogo na Paz entre goberno e oposición como de rexeitar enfoques fóra de contexto contra EEUU, concretan un pragmatismo eficiente que o propio Evo Morales recoñeceu ao amosarse “sorprendido” pola solidariedade sen fisuras e a firme vontade de resolver os seus propios problemas sen mais inxerencias alleas que as libremente consentidas.

Esta foi a segunda vez neste ano en que os latinoamericanos abordan os seus conflitos á marxe da OEA (Organización de Estados Americanos), un organismo asociado aos intereses de EEUU e claramente inoperante, como xa anteriormente se demostrou no conflito entre Colombia e Ecuador, ao que se acabou sumando tamén Venezuela. Foi o Grupo de Río quen entón evitou un enfrontamento bélico entre estes países, mentres o desprestixio hipotecaba calquera iniciativa da OEA.

Pese ás diferenzas políticas que exhiben as tres principais correntes que hoxe priman en Sudamérica, a que fai bandeira da oposición á inxerencia estadounidense (Venezuela, Ecuador, Nicaragua e Cuba), a que mantén a alianza con Washington (Colombia e México), e aqueles que centran o seu empeño en lograr a unidade rexional apostando pola moderación (Brasil, Chile, Arxentina), practicamente todos avalan a consolidación dunha institucionalidade propia baseada nun compromiso coa rexión que pasa de lonxe da OEA, é dicir, dunha Administración, a Bush, que constata as serias consecuencias da falta dunha política cara América Latina acorde cos tempos.

Lula dixo no encontro fundacional de UNASUR que “Suramérica unida ten capacidade para mover o taboleiro político de todo o mundo en beneficio dos nosos países”. Brasil, país clave, cre neste organismo rexional na medida en que pode ser o principal beneficiario da súa consolidación. Pero saldos aparte, o novo enfoque que agora preside as relacións entre os países que integran este foro asegura á rexión mellores condicións para aumentar o seu peso político e enfrontar os desafíos da mundialización, así como para asegurar esa concordia imprescindible e básica para impulsar o desenvolvemento. Con Estados Unidos de porta afora.

Comentarios