Ollan de máis cara Madrid

 (*)

Os galegos tendemos ler en boa medida os nosos proprios xornais e sintonizar as nosas proprias emisoras de radio e TV. Quere isto dicir que buscamos informacións e opinións achegadas á nosa realidade. É evidente, xa que logo, que as informacións e opinións elaboradas dende Madrid non enchen a demanda da nosa cidadanía.

Velaí que un non entenda porqué profesores galegos eminentes, que salientan pola calidade dos seus artigos xornalísticos e achegas en debates audiovisuais varios, teimen ultimamente en repenicar na Galicia a opinión que a eito pontifican dende os xornais, radios e TV madrileñas. Deste xeito, algúns defenden as políticas de austeridade como única resposta económica posíbel e  máis a inflexibilidade do “patriotismo constitucional” como única resposta do Estado fronte á mobilización cidadá catalá a prol do dereito a decidir. Outros sinalan aos tres nacionalismos (vasco, catalán e galego) como responsábeis das peores vivencias españolas dende a Restauración do 1975.

Proeme que algunhas das mentes máis brilantes do País ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construir unha cosmovisión galega propria, que saiba explicar os acontecementos no Estado, na Europa e no mundo en clave galega. Porque defender as políticas de austeridade na Galicia descoñece a realidade dun País que liquidou boa parte da súa base industrial nos cinco anos e medio de goberno Feijóo e que fanou aquel diferencial baseado nunha menor exposición ao ladrillo de segunda residencia. E esquecer que o galeguismo foi o único que achegou neste país un discurso sobre o territorio, as carencias e potencialidades da economía galega ou a vocación europea e marítima de Galicia amosa unha notábel desconexión co noso presente e co noso pasado.

Pola contra, pouco limos en algúns destes profesores a respecto da especificidade da economía galega, construída sobre alicerces ben distintos á española (construción naval, complexos mar-industria e monte-industria, sector agrogandeiro, turismo non masivo) e de como require para a súa competitivade e para xerar benestar aos galegos dun amplo autogoberno. Nin tampouco a respecto da actual desafección da cidadanía co marco político pactado na transición.

(*) Se mantiene el idioma original.

Comentarios