A nova normativa serve para regular as transmisións ou os abandonos dos nichos

La nueva ordenanza del cementerio de Poio estará lista este mes y dará solución a vacíos legales

O edil de Facenda, Xulio Barreiro, recordou que o regulamento só se aplica de forma obrigatoria á futura ampliación do camposanto
Cemiterio de San Xoán de Poio
photo_camera Cemiterio de San Xoán de Poio

O novo regulamento do cemiterio de San Xoán de Poio, que é indispensable para levar a cabo ampliación do camposanto, podería aprobarse este mes. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, explicou que a raíz dunha serie de baixas por enfermidade e maternidade non se puideron realizar as reunións oportunas para continuar co proceso de resolución da nova ordenanza: "Quería reunirme esta semana co departamento que elaborou o regulamento e o prego de condicións, pero houbo persoas que estiveron ausentes sobre un mes e pico e tiñamos o tema un pouco parado". Unha vez que se leve a cabo a mesma, o edil ten intención de realizar outra xuntanza cos membros de todas as formacións políticas. A asemblea contará coa presenza dos compoñentes do BNG, do PSOE, do PP e do grupo mixto: "Quérome xuntar coa oposición; a finalidade disto é levar o documento á Comisión durante este mes, se é posible. A misión e o obxectivo é darlle solución a todos os baleiros legais que existían anteriomente".

Como a ordenanza contiña unha serie de puntos que non estaban claros, Barreiro explicou que o borrador xa conta coas modificacións pertinentes: "Isto xa estaba feito antes do verán". Un dos asuntos máis controvertidos e que máis disputa orixinou entre os veciños era deixar claro que este regulamento só se aplica de forma obrigatoria á futura ampliación do camposanto; aínda así, todas aquelas persoas que desexen acollerse á normativa actual terán a posibilidade de facelo: "O que queira regularse segundo a actual ordenanza poderá facelo de forma voluntaria, senón terá que rexerse mediante o establecido no ano 1927. As modificacións son principalmente cuestións de aclaracións e desde o verán iso quedou totalmente explicado. Tratábase de apartados que xa estaban escritos pero que alguén podería entender doutra maneira, polo que se matizaron para que quedaran claros no referente a períodos ou prazos".

O edil do BNG incide en que este novo regulamento ofrece unhas garantías que o anterior non daba: "O antigo era unha normativa de catro liñas. As confusións entre os veciños xurdiron porque se lles comentou que os donos ían quedar sen a actual propiedade que tiñan das concesións, algunha das cales vén do ano 1927, outras do 1963 e do 1972, pero para nada é así. Despois das reunións que houbo hai un ano, pensamos que a cuestión era concretar este punto e deixalo claro para que non haxa confusión nin ningún tipo de mala interpretación. Eu teño nichos na zona vella, e non sei se serei o primeiro ou o último, pero seguro que me acollerei á normativa nova porque ofrece moitas máis garantías".

REFORMAS. A nova ordenanza está unida ás condicións para poder licitar as obras que ampliarán este cemiterio municipal. As reformas farán que se conte con máis de 500 nichos: "Por iso me teño que reunir antes coa técnica que elaborou o regulamento e a ordenanza e coa técnica de contratación".

A comezos deste ano, o rexedor de Poio, Luciano Sobral, explicou que a intención do Goberno local é que os pagos das novas propiedades se realicen en dous prazos: unha será cando se teña aprobado o novo regulamento e a outra non se terá que realizar ata que finalice a ampliación: "Coa recadación poderemos facer fronte ó proxecto de urbanización do cemiterio".

Xulio Barreiro "Os propietarios da zona antiga poderán acollerse á normativa de forma voluntaria, terán a opción de elixir"

Comentarios