lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Os asistentes que acerten o palmarés do FICBueu terán butaca reservada

Espectadores do festival realizando a súa votación sobre as curtametraxes (Foto: C.B.)
Espectadores do festival realizando a súa votación sobre as curtametraxes (Foto: C.B.)

BUEU. Os asistentes ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu que acerten as obras gañadoras do primeiro e segundo premio e o galardón do público obterán unha butaca reservada para a próxima edición do evento e entrada gratis para o Cineclub Bueu até final de ano. Ademais, quen atine unicamente cos dous galardóns principais outorgados polo xurado obterá a entrada de balde para o Cineclub. As 'quinielas' para cubrir pódense solicitar no propio Centro Social do Mar e deberanse depositar o sábado, antes de que comece a gala de entrega de premios.

O público recibe ademais cada día á entrada das sesións unha papeleta para puntuar as curtas da noite. 'Abgestempelt' (Austria, 2012), dirixida por Michael Rittmannsberger, foi a favorita do mércores, sumándose a 'Rétention', curta mellor puntuada o luns, e 'Penny dreadful', título preferido o martes. A cinta máis votada farase co premio do público, que os gañadores están obrigados a recoller na cerimonia de clausura.

Mañá completarase o visionado dos 25 títulos da sección oficial do festival coas últimas cinco propostas. Trátase de 'Home' (Rusia, 2012), de Ruslan Magomadov; Junkyard (Holanda, 2012), dirixida por Hisko Hulsing; a curta de ciencia ficción 'LV-225' (Italia, 2012), do realizador Ettore Biondo; 'Misterio' (España, 2013), de Chema García Ibarra, director que repite no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, e, por último, 'Patika' (Francia, 2013), de Onur Yagiz.

A gala final de entrega de premios do FICBueu celebrarase o sábado a partir das 21.30 horas no salón de actos do Centro Social do Mar. Ata o de agora o certame está conseguindo unha enorme afluencia de público, que enche a sala nas dúas sesións de cada xornada.

Os asistentes que acerten o palmarés do FICBueu terán butaca reservada
Comentarios
ç