Os callos de Canducha cumpren 50 primaveras

O bar Timón celebra medio século aberto cunha festa durante todo o día ►A súa fundadora, de 85 anos, fala da historia do local
Nai e filla, no interior do bar Timón
photo_camera Nai e filla, no interior do bar Timón

Hai 50 anos, Canducha convenceu ao seu home para deixar o mar e montar unha taberna na rúa Real. "Miña nai buscou un baixo, que antes estaba dividido en dúas partes, para unha panadería e unha tenda de teas. Unírono e puxéronlle Timón", conta Cándida Couselo, filla de Canducha.

Hoxe, Canducha repasa as fotografías de medio século para penduralas da parede do bar e non é quen de conter as bágoas. Pódelle a nostalxia polas xornadas de feira, as madrugadas de traballo sen parar e as ringleiras de xente agardando para degustar os seus ovos fritos con patacas e chourizo. "Houbo días que fixen máis de 300 tortillas!", recorda.

Pero a Canducha fáltalle Manolo, aquel home que deixou o mar para traballar de luns a domingo na barra do Timón. "Ai, se el estivera...", suspira. "Eu estou nerviosísima, quero que pase xa o día, porque son moitos recordos, hai moita xente que falta", conta Canducha, de 85 anos.


"
Non pechabamos nunca, nin un día ao ano. Só unhas horas cando era San Xoán, porque somos de Poio e faciamos comida coa familia"


"Ela non quería xubilarse, retirouse con 72 anos porque para ela isto era un pasatempo, antes os clientes eran moi fieis e eran como da familia", explica a súa filla Cándida Couselo.

Porque Canducha, aínda que botou toda a súa vida entre as catro paredes do Timón, non se arrepinte de nada. "Había días nos que marchabamos ás cinco da madrugada para Poio a durmir e ás oito da mañá volviamos abrir", conta Canducha, que aínda recorda os días de feira en Pontevedra. "Sempre metidiña na cociña", resume. Así transcorreron os anos e así segue sendo, porque cando ten que facer unha empanada, faina, e ás fins de semana todos os que pasan polo bar O Timón poden probar os callos que Canducha fai na súa casa.

SEN DESCANSO. "Non pechabamos nunca, nin un día ao ano. Só unhas horas cando era San Xoán, porque somos de Poio e faciamos comida coa familia; ao rematar de comer abriamos o bar", explica Cándida filla. Nin unha semana de vacacións, nin sequera un día libre. Na Noiteboa, despois de cear, abrían o bar. "Eu aquí estaba ben", conta Canducha.

Os traballadores, os feirantes e os militares que facían o servizo militar eran parte importante da clientela do Bar Timón. "Miña irmá e máis eu, sendo pequenas, viñamos de estudar na Xunqueira e puñámonos a servir menús, houbo un tempo no que serviamos tres quendas de comidas", explica Cándida filla.

Pero os tempos cambiaron e as cousas xa non son como antes. Os clientes xa non son como da familia e cada vez hai máis competencia. Canducha xa non recorda a cantidade de homes que pasaron por Figueirido a facer a mili fixeron amizade con ela e máis o seu home porque son moitísimos. "Coma nós, que leven tanto tempo, eu só me dou conta da Navarra e o Reixas", explica Canducha.

En todo este tempo houbo tamén dificultades. por iso o Bar Timón acolle este sábado unha festa. A propia filla do matrimonio que fundou o establecemento recorda épocas difíciles nas que houbo que adaptarse e manterse "ao pé o Timón", indica cun sorriso. Porén, 50 anos despois, o negocio segue en pé. "Medio século é moito tempo e hai que celebralo, non?", conta a filla.

Comentarios