Os datos non minten

Un artigo de Antón Masa publicado onte neste Diario convídanos de novo a repasar datos e poñer en evidencia que, ou ben o señor Masa segue mentindo a sabendas cos fins políticos habituais, ou ben ten un profundo descoñecemento da actual Ence e a súa actividade. No seu texto, falsea ou maquilla para afear, o señor Masa, o dato dos empregos xerados directamente por Ence no seu Centro de Operacións de Lourizán. Fala de 250 persoas. Son, en total, 329 as persoas que traballan en Ence Pontevedra contratadas pola empresa. A diario colaboran con nós en Lourizán, asemade, varias decenas máis de profesionais vencellados e vencelladas a empresas contratistas. Ence xera máis de 5.000 empregos en Galicia. Así o conta o Informe elaborado por KPMG e encargado por Ence para medir os impactos da actividade da compañía. O método de cuantificación do emprego –sumando postos directos, indirectos e inducidos- explícase ó final do documento: é o método input-output, o mesmo que emprega, por exemplo, o Instituto Galego de Estatística. Tan só algunas cifras: a fábrica de Lourizán recibe cada día 260 camións con madeira, na súa maior parte (70%) madeira galega que hai que plantar, xestionar no seu crecemento, e curtar. Por outra parte, tan só as operacións de exportación da pasta producida en Pontevedra ao Norte de Europa -entre 2 e 3 barcos que saen de Marín cada semana cargados con pasta de Ence- requiren do apoio de entre 25 e 30 persoas, a maioría vencelladas a terceiras empresas -consignatarios, transportistas... -. Ence xera, dende Lourizán, o 0.8% do PIB de Galicia. Pero claro que non é só cuestión de números. Cómpre falar, tamén, de medio ambiente. Dende o ano 2010 Ence investiu 4 millóns de euros para acabar co impacto oloroso da fábrica de Lourizán. O proxecto deseñouse en colaboración coa Universidad de Santiago. O noso obxectivo nesta materia, aínda non acadado, é o de evitar que a nosa actividade xere impacto oloroso no exterior. Na próxima parada técnica da fábrica, dentro dalgunhas semanas, continuaremos avanzando nesta aposta investidora e de xeración de coñecemento en xestión ambiental. Imos seguir incorporando novas tecnoloxías para seguir avanzando cara ao noso obxectivo. Entre 2010 e 2013, a reducción do impacto oloroso acadou o 96%. Resulta obvio, ademais, que a fábrica de Ence en Pontevedra mellora con moito as directrices da UE no que ten que ver coa calidade do seu efluente á Ría. Tanto é así que dende aquí, dende Pontevedra, melloramos os resultados do resto das fábricas de Europa do noso sector, suecas e finesas incluídas, no que ten que ver co indicador máis importante da calidade dun efluente líquido: a Demanda Química de Osíxeno. E resulta doado de comprobar: os datos relacionados coa actividade de Ence son auditados e/ou controlados por entidades públicas, empresas auditoras e laboratorios acreditados. Aos datos que difunde sobre Ence un colectivo que traballan ao servizo dunha organización política non se lles coñece este rigor. Claro que temos que seguir mellorando. Sempre. Hoxe xa somos unha empresa diferente a aquela antiga empresa pública que cometeu erros que orixinaron o nacemento da APDR. Pasaron máis de 25 dende aquel momento. E todo cambiou. Agás certas consignas. Na actual Ence sabemos que debemos seguir traballando para buscarlle unha solución a cada novo reto. Facémolo coa satisfacción, e co orgullo, de catalizar a suma de esforzos de miles de cidadáns e cidadás que traballan no sector forestal de Galicia. Nós si que cremos, claro, na potencialidade de Galicia para apoiar o desenvolvemento da bio-industria en Europa. Nós si que cremos, ademais, na mellora continua coma ferramenta para a construción do futuro. Seguiremos traballando para mellorar. Podemos equivocarnos, pero correxirémolos, disporemos medidas para que non se repitan, e seguiremos adiante. E non deixaremos traballar na mellora continua. É o mellor que podemos facer. Por nós e pola comarca de Pontevedra.

Comentarios