Os idos de marzo

Seica hai xa fumata non branca, porque non foi dado a coñecer o dato con precisión, pero si gris tirando a branqueira, posto que algo se sabe xa que non se coñecía anteriormente: os comicios galegos terán lugar o vindeiro mes de marzo de 2009, polo de agora “sine die”.

Así o vén de anunciar o presidente Pérez Touriño. E con esta nova, puña asemade a funcionar (se é que esta non o fixera xa) a maquinaria pre-electoral que nos vai asolagar de aquí até que nos toque depositar o papel de turno no sitio correspondente, como cando rematamos de facer segundo que necesidades fisiolóxicas.

Acho que xa nalgunha ocasión eu escribira como as campañas e pre-campañas electorais constitúen todo un convite, por parte da nosa clase (?) política, a facer das leis trampas ou viceversa. Porque xa saben que en teoría legal, a campaña electoral só pode desenvolverse ao longo das dúas semanas anteriores ao venres de peche de campaña. Pero na práctica, estes valedores da legalidade vixente practican tahurismo nada disimulado ampliando a campaña ata varias semanas ou meses antes.

Todo consiste en non empregar o imperativo “vota”. A nós só nos queda pór cara de ghilipollas e tragarnos os seus afervoados discursos (especialmente os de algúns) a prol do Estado de dereito, o Estatuto, a Constitución e o respecto ás leis. Jajaja, marajá.

Ou sexa, que prepárense, preparémonos. Agárdannos a partir de agora pre-campañas, pre-mitins, pre-pegadas de carteis, pre-enquisas, pre-debates e pre-altofalantes de coches amolándonos a sesta. Por se pouco fose, na mesma primavera de 2009 han ter lugar as eleccións ao Parlamento de Euskadi, co cal certos medios de infamación coleccionistas de condenas xudiciais xa andarán a argallar como formamos nas galescolas a cachorros de ETA ou como a desaparición do castelán é cuestión de horas.

Ou, como xa é costume nalgúns deles –e noutros-, tratarán de desgaleguizar a (pre) campaña facéndonos ver o moito que se xoga no Estado cos comicios galegos, cando non falarán de “preámbulo” do que pode acontecer en Euskadi, e outras e variopintas demostracións do que lles importa Galiza e a nai que a pariu. Claro que mesmo nisto podería albiscarse un aquel de enxebrismo, se chegamos á lóxica conclusión de que o noso país lles importa (con perdón) un “carallo”.

E que queren que lles diga. Levamos xa máis dun cuarto de século de andaina autonómica, e agás moi, pero moi contadas excepcións, os nosos debates (pre) electorais tiveron moi pouco de galegos e moito de laboratorio de experimentos estatais. Mesmo desde o PSOE estatal, nunha noxenta manobra de ninguneamento do noso país, tratouse de facer coincidir os nosos comicios con outros para eclipsar (aínda máis) o debate galego, e menos mal que Touriño non pasou por iso, retardando en exceso, iso si, a súa negativa. Xa o saben, para non poucos aínda seguimos a ser unha despensa de votos do noroeste español.

Ben, pois agora só queda coñecer a data concreta. O vindeiro mes de marzo conta con cinco domingos. O máis centrado, o do día 15. Curiosamente, o 15 de marzo é a data que no que no calendario romano era coñecida como “os idus de marzo”, data funesta, como é sabido, para o coitado Xulio César.

Será esa a data escollida finalmente polo presidente da Xunta? Saberémolo axiña, pero históricamente é un día de acoitelamentos e traicións, e non me tenten a facer parangóns. E mesmo que non sexa esa data, posibelmente si poderemos falar para daquela non dos “idus”, senón dos “idos” de marzo: ou serémolos os votantes, toleados por tres meses de campañas e pre-campañas, ou serano os propios políticos, que por rillaren un voto de aquí ou acolá, darán máis dun espectáculo de enemizade co sentido común. Ou máis de cen. Incluído o cachondeo do voto emigrante.

Comentarios