Os inimigos da Marca España somos nós

Acreación dunha marca fundaméntase en dous aspectos claves: a confianza e a credibilidade. Dá igual que falemos de iogures ou de grandes obras, xa que o importante dun selo de calidade é sempre a demostración da calidade e o cumprimento dos compromisos. Hai pouco máis de catro anos un consorcio de empresas liderado pola española Sacyr logrou o contrato co que calquera empresario soña. Combinaba unha importante cantidade de cartos, ao redor duns 2.500 millóns de euros, cunha serie de retos tecnolóxicos que necesariamente implicaría unha gran evolución na innovación e no coñecemento sobre grandes obras, o que abriría un novo escenario onde Sacyr pasaría a historia como a empresa que ampliou Canal de Panamá. O canal é probablemente a zona de tránsito máis importante do mundo, cun movemento de mercadorías que supón case o 5% de todo o que se move diariamente no planeta. De feito, o gran desenvolvemento económico de Panamá radica fundamentalmente neste Canal, unha especie de autopista do mar que acurta en semanas o tránsito de mercancías entre Asia e América do Pacífico con Europa. A canle orixinal foi un fito hai xa cen anos, alá polo 1914 e xustamente o centenario suporía o segundo grande reto, a súa ampliación. Con este propósito, o goberno panameño fixo un concurso público internacional no que participaron as principais empresas de obra civil do mundo, resultando vencedora o consorcio GUPC, liderado pola española Sacyr pero no que tamén participan empresas italianas. A oferta de GUPC era claramente inferior á dos seus competidores, facendo unha rebaixa que se aproximaba ao 50%. Para moitos, unha rebaixa tan importante entra dentro dun concepto perigoso denominado “baixa temeraria”, un xeito simpático de dicir que non hai ningunha garantía de que a obra se poida facer do xeito prometido. GUPC gañou e comezou a obra. Agora, tres anos despois e a un ano de rematar, o consorcio español-italiano di que non pode continuar porque existe un sobrecuste de máis de 1.500 millóns de euros, imposibles de asumir pola concesionaria. GUPC di que o goberno deu unha información deficitaria e que houbo unha serie de imprevistos que aumentaron os custes. O goberno panameño non recoñece ningunha das dúas cousas e insinúa que o consorcio xogou con mala fe, ofrecendo un prezo claramente inferior para logo xustificar unha renegociación entre as partes para chegar aos prezos dos que non gañaron o concurso público. Non teño datos claros para poder valorar quen ten a razón, pero si sei que en España sabemos perfectamente o que son os subrecustes. A pouco que recorden, observarán que as obras públicas sempre custan un 20% ou máis do que se preveu o que demostra a pouca seriedade de quen constrúe, a grande ignorancia de quen fixo os cálculos ou a “bondade” da administración que o acepta. Xustamente esta forma de actuar parece que é a que exportamos a Panamá a través do GUPC. Xustamente isto é o que non debéramos exportar nunca porque non é máis que un exemplo máis de todo do que nos acusan nos países do norte: falta de seriedade, sempre de festa, .... e xa saben, todas estas estupideces.

Comentarios