Os mariñeiros e o BNG reclaman alternativas para a frota cefalopodeira

Mariñeiros (esquerda), Pilar Blanco, Xavier Aboi, Olaia Fernández, Ana Miranda e Daniel Rodas. álvaro agulla
photo_camera Mariñeiros (esquerda), Pilar Blanco, Xavier Aboi, Olaia Fernández, Ana Miranda e Daniel Rodas. álvaro agulla

MARÍN. Os mariñeiros da frota cefalopodeira e o BNG reclamaron onte á Xunta, ao Goberno central e á Unión Europea a adopción de medidas concretas para que os buques arrastreiros paralizados desde hai 14 meses poidan volver faenar canto antes, xa sexa en Mauritania ou noutros caladoiros axeitados. Así o expuseron o responsable de CIG-Mar, Xavier Aboi, e os nacionalistas Ana Miranda (representante no Europarlamento), Olaia Fernández Davila e Daniel Rodas, despois dunha reunión con tripulantes e co presidente de Anacef, Francisco Freire.

Xavier Aboi afirmou que “o cambio de actitude do Goberno central dálle a razón tanto á CIG como ao BNG, que vimos dicindo desde o principio que había que darlle as costas ao acordo con Mauritania moito antes, porque a negociación foi un auténtico desastre”. Neste sentido, sinalou que “imos tarde a Bruxelas para falar cos eurodeputados, despois de anunciar que unha representación española acudirá a falar cos grupos parlamentarios europeos o día 2 de outubro e que a votación sobre o acordo será o día 8. “Uns son culpables por acción, (en referencia a Bruxelas), e outros, a Xunta e o Goberno central, por omisión”, setenciou.

Por outra banda, lembrou que Marín acollerá unha manifestación o 4 de outubro para facerlle ver a Europa “o apoio social que hai detrás das nosas demandas”, e sinalou que “hai barcos que están saíndo para o mar porque non poden esperar por Maurtitania. Saen para Malvinas, Guinea ou Gambia a malvivir, polo que esiximos que se digan claramente as razóns polas que Galicia queda fóra da frota que pode pescar en Mauritania”.

“Agora é preciso habilitar un acordo con Guinea Bissau e iso non significa avalar golpe de estado ningún porque en Mauritania tamén o houbo. Non podemos esperar e non vale negociar con Senegal só para os atuneiros, que é o que hai polo momento”, engadiu. Pola súa parte, a representante do BNG no Europarlamento, Ana Miranda, destacou que “se a Comisión de Pesca europea non é capaz de negociar un acordo benefioso para a súa flota, entón é unha comisión inútil”. Ademais, explicou que “se a presión política dos demais grupos presentes no Parlamento fose como a que fixo o BNG a situación agora sería totalmente distinta”.

A deputada en Madrid Olaia Fernández incidiu na “loita e o traballo” que realizou a frota para defender o seu pan, “única razón que hai para que o Goberno central modificara a súa postura inicial”.

Unha delegación española acudirá a Bruxelas o martes para pedirlle aos eurodeputados que rexeiten o protocolo con Mauritania

Comentarios