Os músicos

Pareceume unha metáfora fermosa. Traxicamente fermosa. Alguén dixo que os traballadores de certa empresa, que como tantas outras non atravesa hoxe o seu mellor momento, son coma a orquestra do Titanic. Cando aquela aciaga e fría noite de abril de 1912, logo de bater cun iceberg e coas augas xeadas do Atlántico engulindo ó buque, os músicos seguiron tocando. Coa espalda recta e o violín impertérrito, os ollos pechados e o talento repousado nun leito de notas que abrollaban do corazón dos seus instrumentos. A música seguiu soando na mesma cuberta na que se sucedían as escenas de pánico ata que o ánimo daqueles homes envolveu o drama nunha melodía de esperanza que quedaría para a historia. 
Así son as loitas. As do corazón de latexar e as do de sentir. Así son as trincheiras do cotián que van deixando cicatrices nos dedos dos músicos das máis dispares orquestras de cada día. Pero non é doado seguir tocando. Máis, cando pesa sobre nós o fracaso de loitas pasadas, cando a inxustiza se ceiba cos máis débiles, cando a mediocridade se alza cunha presunta victoria e asistimos o afundimento dos nosos dereitos. Non é doado. Pero cómpre facelo. E que a música que flúa dos nosos dedos soe hoxe máis afinada que nunca. Porque, ó final, esa melodía será o que permaneza cando xa non quede nada de nós.

Comentarios