Os novos pantaláns do Porto da Illa de Arousa darán servizo a máis de 300 embarcacións

Rosa Quintana cifra en dez millóns de euros os investimentos da Consellería de Mar
Rosa Quintana, durante a visita ás instalacións
photo_camera Rosa Quintana, durante a visita ás instalacións

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores as obras de construción dos pantaláns pesqueiros que se están a realizar no peirao do Xufre, na Illa de Arousa.

Con esta obra, e coa futura construción dos pantaláns mexilloeiros, a Consellería prevé que se superen os dez millóns de euros de investimento para a mellora das infraestruturas deste peirao, unha aposta que comezou a executarse no ano 2009.

Durante o percorrido polas instalacións, no que estivo acompañada polo presidente de Portos, José Juan Durán, a titular de Mar subliñou que a Xunta está a investir máis de 700.000 euros nas obras dos pantaláns pesqueiros.

Estas estruturas, segundo destacou, darán servizo a 308 embarcacións pesqueiras, atendendo á demanda actual de praza e á reserva co fin de cubrir as necesidades futuras.

Neste sentido, Quintana informou de que se prevé que a obra remate antes de que finalice o ano.

A maiores, a conselleira sinalou que a Xunta de Galicia seguirá traballando na mellora deste porto coa licitación nas vindeiras semanas das obras de construción de pantaláns para embarcacións mexilloeiras, que suporán arredor de 126 prazas de amarre para barcos bateeiros con esloras de entre 14 e 22 metros. Esta futura obra, que se está executando, suporá un investimento global de preto de 5,5 millóns de euros.

Deste xeito, engadiu Rosa Quintana, a Consellería de Mar "afonda no compromiso de atender as necesidades do sector profesional do Porto do Xufre". Unha aposta que, segundo explicou, iniciouse hai oito anos coa ampliación do peirao, á que seguiu, posteriormente, a dotación do dique de abrigo.

Nestas obras foron investidos 4,3 millóns de euros, unha cifra á que se suman máis dun millón doutras que tamén foron realizadas no Xufre dende o ano 2009 por Portos de Galicia.

Comentarios