Os pésames por Fernández del Riego enloitan o sábado en Galicia

Francisco Fernández del Riego foi despedido na intimidade da súa familia. Era o seu desexo expreso, segundo informou onte Galaxia. Será mañá e pasado cando se realicen homenaxes públicas a quen foi o fundador da editorial, padroeiro vitalicio e director desde 1963 da Fundación e da Biblioteca Penzol, «que el mesmo considerou o seu fogar cultural durante a maior parte da súa vida».

Instalarase un memorial na sede da institución, a Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa de Vigo. Mañá, desde as 11.00 e ata as 19.00 horas, e o luns desde as 11.00 ata as 18.00 horas, nesa sede haberá un libro de condolencias e un tarxeteiro ao dispor das persoas que alí se acheguen para expresar o seu dó, sexa de modo privado ou en representación de colectivos e institucións.

«A Fundación Penzol e a Editorial Galaxia convocan tamén á cidadanía de Vigo e a toda a cidadanía galega a acudir aos actos que se están a organizar en memoria de quen honrou ao longo da súa prolongada e fecunda existencia os ideais máis elevados de servizo a Galicia, a súa lingua e a súa cultura», remata a nota pública de Galaxia.

O sábado quedou marcado polo loito trala morte dun personaxe fundamental da historia recente de Galicia: Francisco Fernández del Riego. O intelectual galeguista e ex presidente da Real Academia Galega (RAG) faleceu o venres ao 97 anos e onte as reaccións seguíanse sucedendo sen descanso. conselleiro. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, lamentaba a perda dun home, que considera «un piar fundamental da cultura galega do século XX co que Galicia está e estará sempre en débeda».

«Son días tristes para Galicia, porque perdemos a un dos máis grandes nomes da historia recente deste país un piar fundamental da cultura galega», destacou o titular de Cultura, quen quixo transmitir as súas «sinceras condolencias» á familia do falecido.

Neste sentido, recordou que a Fernández del Riego se lle debe «todo o que Galicia é como identidade cultural», a través da súa «tripla faceta como investigador, creador e promotor da cultura galega». Ademais, destacou que a traxectoria vital de Del Riego permite «percorrer as últimas oito décadas de cultura galega», dende a súa relación co Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos, ata o seu «decisivo papel no nacemento da Editorial Galaxia» e a súa recente presidencia na Real Academia Galega.

«Un home dunha inmensa cultura, un auténtico intelectual de asombrosos coñecementos, os traballos dos cales quedarán para a posteridade como obras de referencia absoluta para Galicia e os galegos. Por fortuna, o seu legado artístico é tan extenso como excelso », sinala Varela.

Comentarios