Os Premios Galegos da Música debutan recoñecendo a Treixadura e Berrogüetto

Treixadura recollendo o seu galardón.
photo_camera Treixadura recollendo o seu galardón.

PONTEVEDRA. Encomendándose á experiencia e ao prestixio da compañía de teatro Chévere para facer de mestres de cerimonias e ao Pazo da Cultura de Pontevedra como escenario naceron este ano os Premios Galegos da Música, unha iniciativa da asociación de Músicos ao Vivo. Treixadura, Berrogüetto, Eladio y los Seres Queridos e Abe Rábade foron algúns dos artistas recoñecidos nunha primeira edición marcada por galardoar a artistas consolidados da escena galega e deixar de lado as sorpresas e o espírito constestatario propio de galas da industria cultural máis consolidadas como os Mestre Mateo (audiovisual) ou os María Casares (teatro).

Arredor de medio milleiro de persoas asistiron á entrega dos galardóns nunha gala que contou cos Chévere como directores artísticos. Para os seus sketches deixaron os músicos o enfoque crítico. Aínda que se supoñía que se centrarían en ilustrar á súa maneira a situación da música en Galicia, que o fixeron, tamén deixaron espazo para outras cousas, como debuxar con sorna a que sería a banda sonora dun preferentista ata a interpretación dun particular (e moi aplaudido) ‘Himno da alegría’ da man de Durão Barroso, Rajoy e Merkel. Acompañando as actuacións que intercalaron na entrega de galardóns houbo música electrónica cun DJ, percusionistas, pianista, acordeonista e unha sorpresa final: a actuación dos rapaces da Orquestra Manuel Quiroga «como metáfora do futuro da música en Galicia», sinalaba a organización nun comunicado.

O primeiro premio que se entregou foi o de música infantil. Foi para Mamá Cabra, que llo adicou «a nais, pais e mestres».

Seguíronlle o de rock e blues, para Narf, e o de músicas do mundo, que foi para a Banda Crebinsky. Mellor grupo de música tradicional galega foi Treixadura e o premio na categoría de pop foi para Eladio y los Seres Queridos (quizais a única sorpresa da noite ao impoñerse a Xoel López, de primeiras favorito neste apartado). Transilvanias fixéronse co galardón de mellor grupo reggae, Das Kapital co de electrónica, Abe Rábade co de jazz e A Magnifique Bande co de verbena.

«Este premio é polos que pelexan pola música en galego», dixeron Machina á hora de recoller o recoñecemento na categoría de metal, ao tempo que, retranqueiros, lle adicaban o galardón «á tropa de Marcial Dorado». Xunto a eles puxéronlle algo de chispa á noite Dios ke te Crew, ao recoller o premio ao mellor grupo de hip hop. Fixérono rapeando, vestidos como curas e lanzando consignas do tipo «Longa vida á música galega e longa vida á nosa terra».

antonio cruz arévalo. O Taller Atlántico Contemporáneo foi o gañador no apartado de música clásica e Berrogüetto no de folk. O premio honorífico foi para o batería Antonio Cruz Arévalo ‘Peri’, «músico da retagarda».

«Estes premios nacen para quedarse, que ninguén o dubide, e son a punta microscópica dun iceberg musical que non somos quen de imaxinar», foi a conclusión de Xacobe Martínez Antelo.

Machina adicáronlle o seu galardón «á tropa de Marcial Dorado» e Dios ke te Crew recolleron o seu rapeando vestidos como curas

Comentarios