Os veciños de Cuntis camiñan polo Seixo e cruzan Portalén

Calros Solla guía a un grupo de 21 persoas por un monte que xa percorreron 5.073 expedicionarios seguindo as súas explicacións
Unha das persoas que partiparon na expedición, en Portalén
photo_camera Unha das persoas que partiparon na expedición, en Portalén

Cando os maragatos transportaban mercadorías a Castela e os arrieiros levaban o viño dende O Ribeiro ata os concellos da provincia de Pontevedra, o Monte do Seixo era un ir e vir de carruaxes, que circulaban polo monte para non pagar a peaxe que se esixía a quen usaba os camiños reais. Aquel itinerario tamén era o que percorrían os que viaxaban dende Portugal ata Cuntis na procura da saúde das súas augas.

Antes de marchar a Madrid, avanzado o ano 1745, Martín Sarmiento camiñou por última vez polo Seixo e deixou rexistrado este acontecer, e Calros Solla, do colectivo Capitán Gosende, lembrouno nunha expedición cuntiense que visitou a montaña o día 19, actividade organizada pola Asociación Cultural Río Gallo.

Os camiñantes souberon do Tecelán de Carballás, un vedoiro que lía o destino. Diante da mámoa onde está enterrado, Solla recordou a súa profecía: "Cando os homes poidan voar, os carros anden sen necesidade de que tiren deles os cabalos e o Seixo estea cuberto de estradas, a fin do mundo estará próxima", dixo.

E aquel metafórico anuncio cumpliuse: hoxe non hai poboación estable en Carballás, nada queda da agricultura nin da gandeiría, o Seixo está sucado polas estradas feitas para a construción dun parque eólico e os avións deixan a súa liviá e efémera pegada no ceo.

Os vecinos de Cuntis detivéronse diante do Almadraque de Pirocha, una belida muller que atrapaba aos incautos camiñantes aos que seducía, cuxas ánimas fican hoxe baixo una rocha, e Calros Solla contoulles a historia dun intento de converter un monte nun pasteiro, acontecida durante o franquismo, das interminables xornadas construír un muro e dos milleiros de camións de terra e fertilizantes empregados nunha iniciativa condenada ao fracaso.

Aquela teima tamén desecou tres lagoas que, segundo contan os vellos, xurdiron dos tres lugares onde bateu a cabeza de Mariña, cando a moza foi decapitada polo prefecto Olibrio por non acceder aos seus desexos. "Nos días de néboa e chuvia, aínda se escoitan as campás da igrexa que quedou soterrada", dixo Solla.

O Marco do Vento foi a seguinte escala. "Perante o Marco do Seixo, todos os ventos pousan e fan venia. Á altura do Marco, todos os aires desandan camiño, todos os ventos dan a volta", conta Solla.

Xa neste punto, cruzaron Portalén. "Din os vellos que cómpre atravesar a lumeira da porta, e se alguén quere escoitar razón do máis alá debe premiar os defuntos cunha codia de pan, un copo de viño ou unha candea". Despois hai que agardar a súa resposta no bruar do vento e non dicir nada de cando aconteceu, porque a aqueles que o desvelen, a voz tornaráselles ronca ata o fin dos seus días.

Os expedicionarios tamén visitaron a Aldea Vella de Vichocuntín, descuberta e posta en valor por Capitán Gosende. Sumados os 21 veciños de Cuntis que subiron ao monte, son 5.073 as persoas que coñeceron o Seixo guiados por este colectivo. "Somos a Concellería de Cultura", dixo Juan Soto, outro dos seus membros.

Comentarios