‘'Os venres do Ateneo'’ de Marín volven co show de Peter Punk e unha charla sobre o xornalista Borobó

O colectivo acolle unha conferencia sobre o xornalista e un espectáculo para os máis pequenos
Peter Punk está considerado o mellor pallaso galego do momento e está avalado por numerosas distincións
photo_camera Peter Punk está considerado o mellor pallaso galego do momento e está avalado por numerosas distincións

O Ateneo Santa Cecilia retoma este venres a actividade dos ‘Venres do Ateneo’ con iniciativas para todos os gustos. Por un lado, ás 20.00 horas, na sede social do colectivo, a marinense Ana Acuña Trabazo, doutora en Filoloxía Galega e profesora da Universidade de Vigo, impartirá unha charla sobre a vida e a obra do escritor e xornalista Raimundo García Domínguez ‘Borobó’ co gallo do centenario do seu nacemento. Por outro lado, a partir das 20.30 horas na Alameda Rosalía de Castro, terá lugar unha actuación do pallaso galego Peter Punk, que animará ó público co seu humor retranqueiro e co seu repertorio de xogos malabares. 

Borobó dirixiu en Galicia os diarios La Noche e El Correo Gallego e trasladouse a Madrid para desempeñar diversos cargos noutros medios de comunicación. Retirouse nunha aldea de Boiro, localidade da que é fillo adoptivo, ademais de ter sido nomeado Fillo Predilecto da súa vila natal, Pontecesures, e fillo adoptivo de Caldas de Reis a título póstumo. Destacado expoñente do xornalismo literario e cultural da época, foi distinguido con numerosos premios, como o Pedrón de Ouro e a Medalla Castelao. Ana Acuña trazará unha semblanza vital e profesional de quen fora o seu mestre, quen acuñou o concepto ‘"madrigalegos"’ para referirse aos galegos residentes en Madrid; un termo no que Acuña se apoiou para elaborar a súa tese de doutoramento e para escribir o libro ‘Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)’, polo que recibiu o Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. A súa ponencia no Ateneo leva por lema ‘Sempre e mais despois’, un verso do poeta Manuel Antonio ao que Borobó fixo referencia no seu libro ‘Daniel, o noso’, dedicado a Castelao. 

Co espectáculo de Peter Punk comeza na entidade cultural marinense o ciclo de actuacións no marco do programa ‘Pontegal’

PONTEGAL. Por outra parte, co espectáculo de Peter Punk comeza na entidade cultural marinense o ciclo de actuacións no marco do programa ‘Pontegal’, que promove a Deputación de Pontevedra. Considerado o mellor pallaso galego do momento, con máis dun milleiro de funcións e distincións colleitadas en MundoClown e no Festiclown Rivas-Vaciamadrid, a traxectoria do humorista Isaac Rodríguez complétase con xiras por países europeos e latinoamericanos. 

O personaxe de Peter Punk evoca o habitante literario do país de Nunca Xamais; un neno que se nega a medrar e que interpela constantemente o público na súa posta en escena, combinando a palabra coa súa destreza facendo enredos cos obxectos que porta nunha maleta. Os máis pequenos, os estudantes, os mozos en situación de desemprego ou os xubilados poden facerse socios por 3 euros ao mes, mentres que a cota familiar, que inclúe a pais e fillos ata os 18 anos, é de 18 euros trimestrais. Os interesados deberán acudir á sede do Ateneo Santa Cecilia, situada no baixo da Rúa Caracol, 36 ou informarse no teléfono 986 880 283.

Comentarios